«Meu pai leva 40 anos en Mondoñedo pero apetecíame probar novas metas»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

Adrián González-Seco Fernández abre novo bufete en Burela

14 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de atender a un cliente, o primeiro sempre, dedica uns minutos a esta entrevista. Faltan unhas horas para a inauguración do seu novo bufete de avogados, en Burela. E aínda que é fillo dun veterano profesional mindoniense do ámbito xudicial, como é José Eduardo González-Seco, a relación paterno-filial non lle supón presión ningunha á hora de abrir o despacho: «Todo o contrario que presión. É unha sorte porque el, queiras que non, leva 40 anos na profesión. Abriu o despacho de Mondoñedo e é de gran axuda, porque todo o que poda aprender del é moito. Máis ca presión, é axuda e sorte».

-Foi o lazo familiar o que o levou a escoller este oficio?

-Dende sempre, dende pequeno, vin a meu pai no seu despacho e sempre me chamou a atención o oficio. De feito, cando acabei no instituto non tiven dúbida do que quería estudar.

-O máis habitual é rematar o instituto e ter moitas dúbidas...

-No meu caso, non. Tíñao clarísimo. Así foi que empecei. Sempre me gustou moito a profesión.

-Onde e como se formou?

-Acabei hai cinco anos a carreira. Estudei en Santiago e A Coruña. Fixen un máster de avogacía no Colexio de Avogados de Lugo. Ademais, teño cursos de especialización feitos na USC e tamén vía Internet.

-Agora dá un paso de xigante abrindo o seu propio bufete.

-Ábroo eu, pero teño colaboracións con máis profesionais. Levamos civil, penal, laboral, seguridade social, urbanismo e administración de terreos. Tamén ofrecemos servizos de asesoría, nese caso en colaboración con Asesoría Montero.

-Por que elixiu Burela?

-É un proxecto no que levaba pensando dende hai tempo. É unha aposta persoal. A miña idea é expandir o despacho. Meu pai leva 40 anos en Mondoñedo, pero apetecíame saír e probar novas metas. De todas maneiras, sigo indo alí porque teño que ir moito a Mondoñedo. De feito, ando a cabalo entre Mondoñedo e Burela.

-Lembra cal foi o seu primeiro caso, cando comezou a exercer?

-O meu primeiro caso foi unha división de herdanza.

-Herdanzas... empezou forte.

-Si, empecei forte. Pero moi ben. Evidentemente, as primeiras veces que me subía ao estrado ía un pouco nervioso, pero coa práctica iso vaise normalizando.

-Cales son os asuntos que máis defensa xurídica requiren?

-Creo que sobre todo civil, laboral e penal están nos primeiros postos da clasificación.