«Moita xente nos preguntou que había que facer para entrar no coro Tempus Fugit de Viveiro»

Y.G. VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

O grupo, que fará audicións para novos cantantes, actuará o vindeiro día 29 en Madrid con Juancho Marqués

11 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Non é que necesitemos novas voces, senón que moita xente nos preguntou que había que facer para cantar no coro», explica o director da formación viveirense Tempus Fugit, Javier Fajardo, ante a convocatoria de audicións que veñen de facer dirixidas a novos cantantes. Participar nunha delas é tan sinxelo como porse en contacto coa dirección a través do seguinte correo de email: corotempusfugit@gmail.com. No mesmo se pode solicitar información.

-Esta é a primeira vez que fan esta convocatoria aberta.

-Si. Ata agora moita xente me preguntaba para cantar no coro e eu convidábaos, pero decidimos regular isto porque o proxecto vai agora de forma máis seria. Con isto, queremos convidar a participar a xente á que lle guste cantar en coro e facer música. É unha convidación pública, a que todo o mundo, sen que teña ningún reparo, veña.

-Hai límite de idade?

-Non temos límite de idade por arriba, pero por abaixo a xente teria que ser maior de 18 anos ou estar preto de cumprilos. Iso é debido á cantidade de concertos que facemos fóra.

-Cando naceu o grupo?

-No ano 2013. E naceu como un grupo de amigos que querían seguir cantando. Todos estudamos no Conservatorio. A familia foi crecendo e agora que somos asociación está todo máis formalizado.

-Nunha imaxe vosa vin que ían todos de negro. Non será o seu estilo estándar?

-Non, é que aquel era un concerto de música relixiosa. Este ano cantamos na Praza Maior vestidos de galegos, co traxe rexional, e na festa renacentista fomos de época. O que facemos é que cada concerto tén unha temática e digamos que nos caracterizamos para cada concerto.

-Cal é a media de concertos que fan actualmente ao ano?

-Ao principio facíamos, máis ou menos, tres ou catro concertos no agora e agora, máis ou menos, oito ao ano pero cada vez cun formato moito máis grande porque hai músicos que tocan con nós, outras veces facemos ópera con actores... e este mes imos cantar á sala de Madrid La Riviera. As entradas para ese concerto xa está esgotadas!

-Estreánse logo en Madrid?

-Si, este é o primeiro concerto que facemos en Madrid e fomos convidados por un cantante que vai facer un concerto espectacular.

-Pódese dicir quen é?

-Si. Chámase Juancho Marqués. Estamos ilusionados porque é algo diferente para nós, pero esperamos que sexa algo moi gratificante. De momento, xa os ensaios están sendo moi animados...

-Cantos cantantes hai habitualmente no coro Tempus Fugit de viveiro?

-A plantilla estable, podemos dicir, é de 24 persoas.