«Cando chegamos ao Goberno triplicamos o investimento para actuar en toda a estrada da costa», din
06 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.O secretario xeral do PSOE en Lugo, Álvaro Santos; a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e o presidente da Deputación, Darío Campos, xuntáronse onte en Foz para presumir de ter triplicado o investimento, ata 2,8 millóns de euros, para mellorar a estrada xeral da costa na Mariña desde que hai só uns meses chegaron ao Goberno do Estado.
«Cando os socialistas chegamos ao Goberno central triplicamos o investimento inicial previsto polo PP -para un simple bacheo- para mellorar toda a estrada; niso estamos, continuarán as actuacións con outros 1,3 millóns de euros», sinalaba Álvaro Santos.
«Sempre defendemos a necesaria mellora da N-642 xunto a todos os nosos veciños da Mariña, pois o PP nin tan sequera fixo os traballos de conservación, facendo que o estado da vía que vertebra toda a comarca da Mariña estivese practicamente intransitable con baches e ata con cráteres. O noso traballo continúa agora co impulso da tan necesaria autovía da Mariña da que nos privou o PP», declaró Santos.
Melloráronse ata o momento treitos nos concellos de Barreiros, Foz, Burela e Cervo, en peor estado da N-642 (había baches de 10 centímetros). A rehabilitación integral da estrada da costa continuará nas vindeiras semanas con outros 1,3 millóns, nuns 20 quilómetros máis.