«Desde o XIX ata a Segunda República había en todas as parroquias algún sindicato»

Alba Díaz é unha das compoñentes do Grupo de Investigación de Historia Agraria da USC

.

foz / la voz

Alba Díaz Geada (Nois-Foz, 1985) é historiadora. Presentou a súa tese no ano 2013 e agora combina as investigacións que leva a cabo de maneira postdoutoral na Universidade de Santiago de Compostela con charlas divulgativas. Hai uns días participou como oradora nas xornadas Memoria dun Tempo organizadas pola asociación Nordés, no Barqueiro.

-Foi a primeira vez que participou nunhas xornadas como as de Memoria dun tempo?

-Nestas en concreto si, pero teño participado noutras xornadas. Creo que son unha boísima labor que fan moitas asociacións locais para dar a coñecer, compartir e conversar sobre coñecementos que ás veces semellan que quedan recluídos nos muros da academia. En Nordés están particularmente interesados nunha memoria silenciada. Ultimamente traballan moito coa memoria histórica.

-De que tratou a súa charla?

-O primeiro día das xornadas proxectouse Asolagadas, que recolle o impacto dalgunhas comunidades que quedaron baixo o embalse de Belesar. O documental recolle as consecuencias para distintas aldeas dunha das políticas estrelas do franquismo. No segundo día pensouse en afrontar o papel do estado franquista na transformación do rural galego, abordando, por exemplo, as políticas para o agro. Falamos tamén da política de repoboación forestal e da política de colonización, de maneira concreta, sobre todo a primeira, que é moi importante en Galiza. Entre a primeira e a segunda etapa do franquismo houbo un cambio importante nas políticas agrarias. A política agraria do franquismo tivo un papel de contrarreforma, en contra a todo o que se fixera durante a Segunda República, de paralizar todo o que se conseguira coa medida de carácter redistributivo. Aquí, dende o século XIX ata a Segunda República en todas as parroquias había algún sindicato de distintas ideoloxías. Iso tamén foi arrasado e eliminado polo golpe e pola ditadura ata o punto de que se quixo borrar a memoria.

-Cal é a importancia de que se celebren charlas así en vilas pequenas?

-Eu creo que é importantísimo. Por un lado porque vivimos nunha época que nos convida a non pensar demasiado e a abordar os fenómenos de maneira fragmentada. Entón, xuntarse a reflexionar e a discutir en común é realmente moi importante. Este tipo de asociacións promoven normalmente as conversas e discusións sobre cuestións que foron moitas veces intencionadamente porque ás veces o propio esquecemento forma parte dunha política sistemática de memoria. É moi necesario darnos conta colectivamente de que a realidade é complexa, colectiva, histórica e non se produce de maneira lineal. Pensala en común é moi importante. Igual que o é a responsabilidade social que teñen as persoas que dedican o seu tempo a investigar estes temas. O coñecemento non debería limitarse a ser algo que figure no currículum.

-É unha das compoñentes do Grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural da Universidade de Santiago de Compostela. Que traballo levan a cabo nel?

-Agora teño un contrato postdoutoral cunha beca de Juan de la Cierva. O Grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural ten dous troncos. Un é o estudo da historia agraria ou rural que abarca a análise dos sistemas de innovación, o estudo da sociedade rural durante a ditadura, o societarismo agrario do movemento do agrarismo, os montes comunais ou o proceso de reforestación. Outra liña que tamén desenvolve o grupo está vinculada coa represión e coa eliminación sistemática de persoas durante a Guerra Civil. Tamén se estuda a sociedade rural na fin da ditadura, na transición...

«O cambio das sociedades rurais non é algo único de España»

-No ano 2013 presentou a súa tese. Que abordou?

-A miña tese é máis amplamente sobre a transformación do rural galego mirando por riba e por baixo, vendo como os proxectos modernizadores foron resistidos e negociados polas comunidades.

-Que investigación está a facer co grupo da USC?

-Traballo afondando un pouco máis na comprensión de como foi o papel das comunidades e como comprender que sendo comunidades rurais desiguais tiñan unha maneira de facer e traballar en común, e disciplinarse colectivamente. O proceso de modernización involucra ao conxunto social. Esas comunidades con costumes de recrear a súa cultura en común na súa desigualdade sufriron unha transformación, xa que en certo modo modernizarse pasaba por converter labregos en empresarios. Aqueles que non eran viables por algún motivo debían nutrir o sector industrial en crecemento como parte da man de obra.

-Fixo dúas estadías, unha en Francia e outra en Estados Unidos.

-Si. Ao rematar a tese no 2013 estiven en Lyon, Francia. Foron seis meses no laboratorio de estudos rurais, de abril a outubro de 2014. Logo tamén estiven en Yale, Estados Unidos, no programa de estudos agrarios. Foi de outubro a abril de 2016. Esas dúas estadías permitíronme continuar afondando e comezar a pensar nunha perspectiva comparada. O cambio das sociedades rurais non é algo único de España, senón que aconteceu en moitos lugares na época. A diferenza é que aquí deuse nun marco ditatorial. E logo diso, xa que non só quedou na ditadura senón que continuou despois. No marco de España, ao ser nunha ditadura, foi moito máis difícil que a xente puidese organizarse de maneira colectiva.

 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Desde o XIX ata a Segunda República había en todas as parroquias algún sindicato»