Manuel Blanco, presidente del Burela FS: «Este ano quixemos motivar ás categorías inferiores e á base»

LIDIA FERNÁNDEZ, M.C. BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

O Torneo de Fútbol Sala «Burela Bonita» regresa por terceiro ano consecutivo ó municipio mariñán

31 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre hoxe e mañá o pavillón polideportivo burelense de Vista Alegre acollerá o III Torneo Burela Bonita, cun cartel de luxo. Entre os equipos participantes atopamos un de Primeira División, o Palma Futsal, e outros de Segunda que, sen dúbida, poñerán o listón moi alto nesta competición. Falamos con Manuel Blanco, presidente do clube mariñán, Burela FS.

-Como xurdiu o torneo «Burela Bonita»?

-Pois quixemos animar a pretempada e ver o nivel que tiña o equipo antes de empezar a Liga. Pareceunos que a mellor forma de coñecer a nosa preparación era enfrontarnos a equipos importantes, e por iso empezamos a organizar este torneo hai xa tres anos.

-Este ano haberá unha competición xuvenil. É a primeira vez que se organiza?

-Si. Quixemos motivar ás categorías inferiores e á base, que contan con xogadores moi bos, e dalos a coñecer un pouco. É unha oportunidade para que demostren o que valen e que se animen a seguir xogando.

-É optimista o clube laranxa de cara a este torneo?

-Máis que optimistas, creo que somos realistas. Temos que ser conscientes de que nos enfrontamos a bos equipos, e que vai ser difícil alzarnos coa vitoria. Pero o Burela FS vai demostrar o nivel dos seus xogadores. A esperanza é o último que se perde!

-Como se prepara un equipo como o Burela FS ante un torneo destas características?

-Precisamente este torneo é unha preparación como outra calquera. O fundamental é ver o nivel co que partimos para conseguir mellorar antes de que dé comezo a Liga. E, por suposto, pasalo ben.

-A pesar de ser un torneo amistoso, a competitividade segue presente...

-Sen dúbida! A quen non lle gusta gañar?