Sr. alcalde, as contas non cadran

GRUPO MUNICIPAL PP BURELA

A MARIÑA

29 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Acabamos de ver nos medios informativos unhas declaración do alcalde de Burela sobre o bo estado da economía municipal, atribuíndose a paternidade da mesma sen ningún rubor. Se non sorprende que o alcalde non se poña colorado por nada, si sorprende que as contas do Sr. Llano non cadren coas da Sra. Otero, a súa concelleira de Economía. O Sr. Llano di que o superávit do Concello é de 700.000 euros e que o remanente de tesourería é de “máis dun millón de euros”…

Hai un par de meses a Sra. Otero falaba dun superávit de 793.000 euros e dun remanente de máis de 2,6 millóns. Que saibamos, estas dúas persoas deberían manexar os mesmos datos, polo que temos que concluír que un dos dous minte (ou os dous…). Ou nun par de meses unha boa pila de cartos se foron polo río abaixo, como di a canción. Porque é evidente que a diferenza é considerable aínda no caso de 93.000 euros máis ou menos, pero xa non digamos entre «máis dun millón de euros» e 2,6 millóns. Polo tanto, o alcalde e a Sra. Otero deberían aclaralo con pelos e señales, porque xa hai cidadáns que se deron conta dos datos e pensan que hai algo que non cadra… Atribuírse a débeda cero coas entidades financeiras, como fai o alcalde, é doado. O crédito da débeda herdada do antigo Concello de Cervo tiña data de vencemento (blindada, por outra parte), o 30 de xuño de 2017, tanto cos gobernos do PP coma cos demais e, polo tanto, a obriga do Concello de Burela de consignar as amortizacións anuais pertinentes nos sucesivos presupostos. O alcalde, polo tanto, non fixo nada que non se contemplara desde 1995. E o PP, entre xuño de 2011 e xuño de 2015, amortizou 1.639.000 euros. Volvendo ao superávit e ao remanente, queremos dicirlle ao alcalde que co PP o remanente de tesourería a 31 de decembro de 2013 foi de 1.386.911 euros e a 31 de decembro de 2014, de 1.605.599 euros. É máis, o resultado orzamentario a 31 de decembro de 2014 era positivo, ou sexa, con superávit, en 498.597 euros. Non vemos motivo ningún para que o alcalde se vanaglorie de nada. Xa lle viñeron facendo o traballo antes…

Iso si, o actual alcalde foi o que deixou, en xuño de 2011, 1.300.000 euros en facturas sen pagar… Non sexa o demo que cos datos que agora manexa lle afecte a calor do verán e volva ás andadas…