«Valoro as vitorias e o podio, pero o que máis valoro é que nunca me vin tan en forma»

O primeiro posto na Milla Urbana de Lourenzá supuxo o seu sétimo triunfo en carreiras populares desde xuño

.

Sete vitorias, un segundo posto e un terceiro en nove carreiras populares celebradas por toda A Mariña. O resumo que fai Simón González Río (Burela, 1986) dos resultados que logrou nos últimos tres meses sorprende e impresiona á vez. E máis tendo en conta que nin se dedica ni se dedicou nunca profesionalmente ao atletismo. «Volvín en maio do Reino Unido, xusto antes da carreira de 15 quilómetros entre Burela e Foz. En xuño corrín a carreira das Praias de Barreiros e quedei primeiro. Logo empezou o Tour da Mariña, e corrín a Milla de Foz, onde quedei terceiro. Logo a Burela Bonita, onde quedei primeiro nos 5 quilómetros. Na dobre milla de Xove tamén fun primeiro. En Benquerencia quedei segundo. E despois xa viñeron a carreira nocturna de Viveiro, na que quedei primeiro; a Run Foz Run, que tamén gañei; a nocturna de Rinlo a Ribadeo, onde tamén fun primeiro; e este domingo a Milla de Lourenzá, na que tamén quedei primeiro», relata este atleta afeccionado, que a nivel profesional é licenciado en Comunicación Audiovisual.

-Leva sete triunfos en carreiras populares en menos de tres meses... A cifra impresiona...

-Sinceramente, tampouco me fixo. Valoro as vitorias e subir ao podio, pero o que máis valoro é que nunca me vin tan en forma como agora. Están saíndo ben os adestramentos, estou recuperando ben..., e iso é o que me motiva. Para min o espírito competitivo é comigo mesmo, intentar mellorar ata que poida.

-Non foi un deportista precoz. ¿Cando comezou co atletismo?

-Non. Ata o ano 2012 non practicaba ningún deporte, pero apetecíame estar en forma, e tamén como pasatempo, e empecei a correr pola miña conta, saíndo tres ou catro días por semana. Nin sequera estaba ao tanto do mundo das carreiras.

-¿Segue algún plan de adestramento?

-Nunca tiven adestrador nin estiven en ningún club, pero gústame deseñar o meu propio plan. Ir lendo, vendo e experimentando. Agora teño en mente facer dúas maratóns ao ano, unha en primavera e outra no outono, e adestro con ese obxectivo. Saio correr seis días á semana e descanso un, e compaxino a carreira con exercicios de forza, de técnica... Algúns días fago máis recuperación, outros de tirada larga, de máis de 30 quilómetros...

-O seu nome fíxose máis coñecido ao ser o terceiro mellor español na Maratón de Nueva York. Se fai dous ao ano, ¿cal ten en mente agora?

-O das maratóns gústame porque o compaxino con visitar outros países e outras culturas. Mentres estiven no Reino Unido corrín un en pista de atletismo organizado por un pequeno club da cidade de Eastbourne. É un tanto inusual porque as maratóns normalmente son en ruta ou en carretera, e neste houbo que dar 105 voltas á pista. Ten a dificultade engadida de que vas dobrando xente e fas máis quilómetros. Tamén quedei primeiro, pero a experiencia estivo moi ben máis aló da vitoria. Como xa corrín, Nueva York, Berlín e Chicago, este outono probablemente faga algún máis cercano, por Europa, para facer tamén turismo.

-Ten 31 anos, pero, en vista dos resultados, ¿gustaríalle dedicarse profesionalmente a correr?

-Creo que neste país, igual que noutros, é moi complicado, por non dicir imposible, vivir do atletismo. Non mo planteo. Para min é só unha afección.

-Correr está de moda...

-Animo a toda a xente, intento convencer a quen podo de que nunca é tarde para empezar a facer deporte. Dá igual a idade. O resultado é o de menos, importa a motivación. Se dera convencido á miña familia para que tamén correra, sería a miña maior vitoria. A min gústame viaxar só, pero agora ás veces acompáñanme e está moi ben.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

«Valoro as vitorias e o podio, pero o que máis valoro é que nunca me vin tan en forma»