Sensatez contra a velutina

Alfonso Villares

A MARIÑA

26 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nas últimas semanas as novas sobre picaduras de insectos copan planas enteiras nos xornais galegos que poñen o foco na avespa asiática e nos efectos que pode producir na saúde das persoas un ataque desta especie invasora.

Existe certa alarma colectiva na actualidade sobre este tema que, en todo caso, non tería que ser maior da que había antes de que esta praga chegase ao noso país.

Hai que ter coidado, claro está, pero non son nin máis nin menos agresivas que a súa homóloga autóctona que coñecemos de toda a vida, e o seu veleno ten, practicamente, as mesmas características.

Por iso debemos facer un chamamento á calma e apelar ao sentido común, porque o certo é que viñeron para quedarse e non nos queda outra que aprender a convivir con elas.

Á hora de utilizar os recursos públicos temos que facelo con cordura. Na loita contra elas hai que incidir fundamentalmente na eliminación dos niños nos espazos públicos, urbanos, onde hai máis concentración de poboación?; e buscar e investigar a mellor forma de defender ás abellas melíferas nos apiarios, xa que son unha parte moi importante da dieta das larvas desta especie invasora. Fóra destas actuacións sería case como querer «matar moscas a canonazos» e, ademais, poderiamos provocar impactos negativos sobre a biodiversidade.

O alcance da colonización da velutina en Galicia é alto. Xa chega ao 80% dos municipios. Hai que ter en conta que a súa presenza masiva vén motivada polas nosas condicións climatolóxicas e pola cantidade importante de colmeas que existen en Galicia: máis de 45.000 contabilizadas no ano 2017, dentro da Indicación Xeográfica Protexida. Aínda que, a pesar da proliferación desta especie, a cantidade de mel producida non se viu apenas reducida nos últimos anos. Polo que debemos seguir a traballar no camiño de buscar fórmulas para minimizar o seu efecto, porque erradicalas, como xa se dixo, é misión imposible.

Como seres vivos que son tamén guía nelas un instinto de autorregulación. Se houbese menos colmeas está claro que tamén habería menos niños de velutina; pero os datos están aí e podemos dicir, insisto, que case hai máis colmeas e mantense a produción de mel. Por iso reitero a necesidade de aplicar o sentido común á hora de investir os cartos de todos e de todas.

Na actualidade, a través da Fegamp, hai proposta unha comisión na que estamos presentes todas as administracións. É fundamental a cooperación desde todos os eixos para artellar unha estratexia común e traballar na elaboración dunha mensaxe única e sensata para transmitirlle á poboación.