Celso Dourado: «Nunca renunciarei ao espírito de Eido Dourado, non vou tirar a toalla»

Hoxe o de A Banda da Loba será o concerto de despedida do espazo cultural


BARREIROS / LA VOZ

Non por gusto, senón por razóns máis ben non desexadas que o artista barreirense prefire non detallar, Celso Dourado pecha o espazo artístico que creaba hai dez anos baixo o nome de Eido Dourado. Era xa algo previsto e anunciado dende hai un mes a este mesmo xornal, sinalando daquela que a casa-museo tiña data de caducidade. Agora xa é en firme a despedida, pois o concerto que ofrecerá alí hoxe A Banda da Loba será o último e con el dirá «adeus» agora ao proxecto dedicado á arte, fronte á praia das Pasadas. Mentras, segue en marcha outro seu no centro de Ribadeo porque, como el dixo onte, «nunca renunciarei ao espírito de Eido Dourado, non vou tirar a toalla a prol da cultura do noso país, porque o levo dentro pero hai que replantear moitas cousas... e resetear. Por agora, Eido Dourado vaise pechar».

-O primeiro, cales son as razóns deste peche do que xa avisaba?

-Cando co Eido Dourado iniciamos o proxecto, alá polo 2009, sabíamos que era un proxecto tremendamente altruísta, pero enriquecedor e o foi en certa maneira e o sigue sendo. Non contabamos coa cantidade de zancadiñas que nos puxeron neste longo andar. Cando empezaron a caernos algunha que outra denuncia, algunha que outra zancadiña, propuxémonos resistir ao menos dez anos con dignidade e facendo unha actividade cultural vinculada ao noso país. Eses dez anos cumprímolos neste 2018 e a partir de aí veremos, tanto a miña compañeira Tereixa como eu, o que imos facer.

-Debe sentir tristura por pechalo.

-Durante 20 anos acariciei este proxecto construíndo Eido Dourado pedra a pedra. Soñaba vestilo de longo, poñelo a punto para que fora visitable e que a xente poidera disfrutar do que, ao meu entender, quería expresar.

-Nesta década amosaron unha intensa actividade cultural.

-Foi un reto personal aguantar toda esa época, mantendo unha actividade cultural importante na Mariña como obradoiros, recitais de poesía, teatro e un sinfín de concertos baixo o ciclo Sons do Solpor, onde nos plantexamos traer a figuras coñecidas e proxectos novos como este co que imos pechar, a Banda da Loba.

-É un peche definitivo definitivo?

-Non sei se é definitivo ou se é provisional. Gustaríame que fora provisional pero hai que repensar. Aínda que non tiro nin a toalla nin a bandeira...

-Como vai o proxecto ribadense?

-Teño moitas ilusións postas no proxecto de Ribadeo. Dalgún xeito, quérome volcar cun traballo intensivo neste proxecto, quero reafirmarme no feito de que nunca pedimos unha subvención a ninguén, ningún favor... Sempre traballamos coa maior dignidade posible, sabendo o que nos rodeaba e sen pedir nada a ninguén a cambio. Nunca cobramos entrada nin nos involucramos en que fora un negocio. Foi altruista.

-Como di, o espírito de Eido Dourado seguirá en Ribadeo.

-O proxecto vai lentiño porque é moi ambicioso e de moito diñeiro. Esperamos que pouco a pouco se vaia materializando.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Celso Dourado: «Nunca renunciarei ao espírito de Eido Dourado, non vou tirar a toalla»