Hermesinda (2)

FELIPE DÍAZ (CAXOTO) VIVINDO DO CONTO

A MARIÑA

16 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Estaba dicindo que a nai de Hermesinda quedou viúva con 7 bocas que manter. Ela, que nunca tivera necesidade de traballar, soubo que tería que liarse a manta á cabeza. Abriu unha tendiña e para complementar o escaso xornal lavaba a roupa das casas ricas na fonte do pobo. En pasados os anos aquela auga xeada do inverno ourensán causaríalle a pulmonía que remataría por levala por diante. Con todo, e pese á escaseza, conseguiu que Hermesinda e unha das súas irmás fosen a Ourense a estudar para mestras. Como non abondaba o diñeiro só podían asistir a clase a partir da metade do curso. Aínda así as dúas fillas sacaron a carreira ano por ano. Contaba Hermesinda que pola noite metía os pés nunha palangana de auga fría, desta maneira arañaba unhas horas ó sono para poder estudar.

E chegou a guerra do 36. Durante a contenda fíxose madriña de guerra dun soldado que despois resultou estar no bando nacional. As madriñas de guerra daban consolo ós combatentes, enviaban agasallos, ... co fin de levantarlles o ánimo. A pesar de ser ela máis ben de esquerdas non deixou de cartearse con aquel mozo ó que nin tan sequera coñecía. Cando rematou a guerra tocoulle praza de mestra xusto no pobo do mozo e aínda que non as tiña todas consigo (había fortes discrepancias de índole política) algo lle debeu gustar por que mocearon durante todo aquel ano. Cando el lle pediu casamento ela contestou que si pensando que aquel compromiso rompería cando a mandasen para outro destino... pero para o seguinte curso destinárona outra vez naquel pobo. E daquela casaron. «Xa lle tiña dado a palabra», contáballe á súa neta sorrindo.