«O que máis me gustou de facer o Camiño en bicicleta foi ir con papá»

Para Xián, de 9 anos, foi a súa quinta peregrinaxe e para seu pai, a décimoquinta

.
m.c.
viveiro / la voz

Iván Rodríguez e Xián son dous afeccionados ao ciclismo que viven en Ribadeo. Pai e fillo comparten unha paixón que os levou hai uns días a facer de novo o Camiño de Santiago. Xián, aos seus nove anos, xa o percorreu cinco veces. Iván, pola súa parte, xa suma quince. Ambos salientan o sentimento de vivir a experiencia xuntos como a parte máis especial desta nova aventura. Pretenden repetir cada ano e ir sumando etapas a esta aventura. «Chegamos a Santiago de Compostela o xoves día 9, sobre as dúas da tarde».

-De onde saíron?

-Saímos o mércores 8 dende Sarria. Ese día fixemos o tramo Sarria-Melide, uns 60 quilómetros, e o segundo día fixemos Melide-Santiago, uns 52 quilómetros.

-Iván, xa percorrera o Camiño máis veces?

-Si, eu fíxeno xa quince veces. Sempre por percorridos do Camiño Norte, e moitas veces collendo simplemente uns días libres. Hai que ter en conta a disponibilidade laboral (e iso que traballo dende a casa, como teleoperador). O Camiño Norte, saíndo de Ribadeo, é bastante cómodo e é unha boa experiencia.

-Cantas veces fixo o Camiño Xián?

-Cinco veces. Con 2, 3 e 4 anos ía comigo no carrito. O ano pasado e este ano (8 e 9 anos) xa foi el só na bici. O ano pasado fixemos un tramo do Camiño Norte e este decidimos ir polo Camiño Francés, para variar.

-Están acostumandos a practicar ciclismo?

-Sempre que podemos. A Xián gústalle moito, e cando podemos imos facer algunha ruta. Eu con Xián ando moito na bicicleta, e a nivel individual intento saír todos os días cando teño un oco.

-A primeira noite durmiron nun albergue de Melide.

-Si, no albergue A Lúa do Camiño, unha casa que está habilitada como albergue e que é unha marabilla. Ceamos na pulpería Ezequiel, e ao día seguinte continuamos coa segunda etapa.

-Que foi o máis duro?

-Foi no segundo día, subindo o Alto da Cruz, que ten bastante pendente e son uns cinco quilómetros de subida. Xián cansouse bastante, mais ao final lográmolo. Este ano, para non meternos pola estrada xeral, xa que non quero ir co neno por alí, fomos polo camiño orixinal... Ás veces tivemos que baixarnos da bici e levala na man.

-Que sensacións viviron á chegada a Compostela?

-Cando chegas ao monte do Gozo tes sentimentos encontrados. Por unha parte xa chegaches, pero pola outra dáche pena acabar. É moi difícil transmitir o que sintes no Camiño, hai que vivilo. Simplemente poste a pedalear, a disfrutar e a observar toda a paisaxe que te rodea.

-E a ti, Xián, que foi o que máis che gustou da viaxe?

-O que máis me gustou de facer o Camiño en bici foi ir con papá. Imos moitas veces en bici, pero o Camiño gústame moito.

-Despois de dous duros días, tocou descansar.

-Si. Estivemos nun hotel de Santiago con Alba, a miña parella e con Breixo, o noso fillo, de seis anos, que nos viñeron buscar. Logo seguimos uns días máis de vacacións.

-Teñen outros retos para os seguintes veráns?

-Para o ano igual intentaremos seguir pedaleando ata Fisterra.

Vive Camino

Toda la información sobre el Camino de Santiago en Vive Camino

Votación
5 votos
Comentarios

«O que máis me gustou de facer o Camiño en bicicleta foi ir con papá»