«Somos dados a valorar máis o alleo»

Xa comezaron as visitas dominicais programadas para este mes ao santuario das Virtudes. Son gratuítas e guiadas polos profesores Emilio Piñeiroa e Begoña Sanjurjo


RIBADEO / LA VOZ

«Os galegos somos moi dados a valorar máis o alleo», di Emilio Piñeiroa, profesor ribadense xubilado e apaixonado da arte e da historia. É o guía das visitas que se organizan cada domingo, despois da misa, no Santuario das Virtudes da Ponte, parroquia de Arante, en Ribadeo. Con esa frase invita aos veciños da Mariña a achegarse a estes percorridos pola historia. Segundo di, son moitos máis os turistas que os propios locais os que toman a decisión de coñecer de primeira man a historia que hai detrás da capela, «e esa é unha grande pena. Neste verán no que moitos mariñáns disfrutan das vacacións, lanzámonos a descubrir outras marabillas do mundo sen botar un ollo ás que temos ao lado».

-Cal é o seu vínculo co Santuario das Virtudes da Ponte?

-Comezou cando vin para Ribadeo. Din clase a alumnos da ESO no instituto e crin que o máis importante era que coñeceran a historia e a arte que teñen ao seu lado. Por iso, contactei co párroco daquel momento, José Ferreiro, e comecei a investigar. Lía toda a información que había, fun ao arquivo a Mondoñedo... Así, comecei a explicarlles a historia que rodea a capela. Para a parte das pinturas, tiven que falar con investigadores da Universidade de Santiago, xa que non era tan doado de encontrar.

-Como naceu a iniciativa das visitas dominicais?

-Xa é o segundo ano que se fan. Naceu da necesidade de divulgar esta capela e de que se coñeza máis. Tamén traballan nesta iniciativa a profesora Begoña Sanjurjo e o párroco Carlos Trevín. El non fai as visitas guiadas por incompatibilidade de horario, pero é alguén indispensable para o seu desenvolvemento. Somos amantes da historia que ten A Ponte.

-Que se pode ver na visita?

-A Ponte é coñecida pola romaxe das cruces do luns de Pentecostés. No ano 1809 na Ponte foron vencidas as tropas francesas de Napoleón por sete parroquias de Ribadeo e Trabada. Pola parte de Ribadeo, a de Ove, Cubelas, Cedofeita e Arante. Pola parte de Trabada, Balboa, Sante e Vidal. Aínda se conservan os nomes dos ribadenses que morreron daquela. Ademais, a capela é un centro mariano. A xoia dela son as pinturas murais. Hai unha grande explicación sobre estas. Abordamos a visita dende catro puntos de vista.

-Sobre que xiran as explicacións?

-O primeiro punto, é o da Ponte como centro mariano. O segundo, a súa situación no Camiño Norte. Antigamente había un hospital para pobres e peregrinos, que agora xa non existe, pero é un símbolo de que tamén era un punto de referencia no Camiño de Santiago. O terceiro punto de vista é o da arte. Hai unha pintura dun esqueleto que chama moito a atención. A outra pintura, aínda máis destacable, é do 1605. É unha pintura dun naufraxio; ten a temática do mar. Segundo se sabe, é única na diócese. O punto número catro é a da historia do día da Romaxe das Cruces, que tamén se explica para que se sitúe mellor contextualmente.

-Sendo o segundo ano que se organizan, valórao como unha experiencia positiva?

-Sen dúbida. O ano pasado, ao remate, fixemos un balance dunhas vinte persoas cada día, o que é moi positivo. Eu son un apaixonado da arte, e fágoo porque me gusta moito. Para min é moi gratificante. Ademais, as visitas son moi variadas e tamén se adaptan un pouco aos interesados. O ano pasado, cun peregrino estivemos case dúas horas falando de arte, porque era profesor diso no seu país. Cando veñen investigadores ou outros profesores destas disciplinas, a visita é un pouco máis profunda e é case unha posta en común. Ao final conversamos cos visitantes sobre o que viron, o que lle pareceu máis interesante. Nos últimos días visitaron a capela turistas de Madrid, Barcelona, Lugo...

Lugar das visitas. Santuario das Virtudes da Ponte, na parroquia de Arante, en Ribadeo.

Días. Os domingos do mes de agosto. Días 12, 19 e 26.

Hora. Ao remate da misa, sobre as 11.30 horas.

Prezo. Gratuítas.

Contido. Explicacións da historia da capela e a arte das pinturas murais.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Somos dados a valorar máis o alleo»