Luz Pozo, unha «ilustre» das Letras Galegas

Miguel Sande Corral
Miguel Sande AO FÍO

A MARIÑA

27 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño 95 anos e sigo escribindo; de momento a cabeza vai respondendo e eu creo na inspiración». Son palabras de Luz Pozo Garza que reflicten a súa enerxía, a súa disposición e, sobretodo, afortunadamente, a súa saúde.

Luz Pozo (Ribadeo, 1922) é, a estas alturas, unha «ilustre» das Letras galegas, sen dúbida. Estudou Maxisterio, Filoloxía Románica e tamén Música e nótaselle na súa escrita; principalmente nos seus versos. Poeta refinada, culta, cálida; sensual ás veces, profunda outras. Académica da Lingua desde 1996, é xa un referente en especial para as escritoras galegas, aínda novas, como tamén o era Novoneyra -o poeta-pai- para moitos de nós.

Agora en Viveiro están a sumar apoios para que o concello nomee a Luz Pozo Filla Adoptiva. De facelo, é o momento; méritos sóbranlle. Premio da Crítica, Medalla Castelao, membro -como dixen- da Real Academia Galega. Viveiro é moi importante na súa vida; aquí ten raíces principais, fondas. Aquí retornou despois do exilio coa familia (aos 14 anos por mor da Guerra Civil a súa familia deixou Viveiro e trasladouse a Lugo en primeiro lugar e despois a Larache, en Marrocos). Cando hai apenas unhas semanas decidiron poñerlle o seu nome á Escola Oficial de Idiomas, levou unha alegría; supuxo para ela unha satisfacción no máis íntimo; confesouno nestas mesmas páxinas da Voz; a esta idade súa na que a sensibilidade está na superficie aberta da pel, este detalle emocionouna.

Seguro que, a pouco que se pense, hai algúns outros persoeiros destacados merecentes do mesmo honor; nesa relación figura tamén ela, poeta grande. O ano pasado a RAG dedicoulle unha emotiva homenaxe no seu 95 aniversario. «A poeta do amor», así a definiu Alonso Montero nese acto; autora de dezaséis libros de poesía, Luz Pozo deu peso, fondura e calidade á poesía galega no difícil tempo da posguerra.