«Á xente de Bágoas quéroa como se foran dos meus», asegura

A MARIÑA

PEPA LOSADA

O 4 de agosto será o acto oficial do 60 aniversario do grupo que preside Mari Carmen López, »Chipe»

26 jul 2018 . Actualizado a las 17:11 h.

Hai 60 anos vía a luz Bágoas da Terra en Viveiro, espallando dende entón coma outros grupos folclóricos mariñáns a rica tradición rexional e, no seu caso, as de terras lonxanas na Mostra Folklórica Internacional. Detrás hai todo un equipo amante do baile e música galegos e un nome propio, Maricarmen López Chipe.

-En 2008 confesaba a La Voz de Galicia que tiña que empezar a deixar cousas en Bágoas...

-Era no 50 aniversario. Sempre tes medo porque os anos están encima de un... non? Oxalá Bágoas tiña unha vida lonxeva, a través de outros membros.

-A nivel persoal, como segue entendendo a presidencia hoxe?

-Dentro da asociación, non cabe dúbida de que fun delegando moitas funcións, non soamente porque as cousas me pesen senón porque medraron moito, en organización, en feitos... Por exemplo, agora hai unha persoa encargada das exposicións, outro encargado da publicidade, Cruz Penso do vestuario, o meu fillo José Miguel do tema informático... Aínda que estea eu no meollo da cuestión, sen embargo, trato de que sexan totalmente autónomos no que levan entre mans(...) Gustaríame moito que dalgún xeito a xuventude tomara totalmente as rendas. Algunhas as toman con gusto pero noutras cousas ao levar eu tantos anos co tema...

-Por exemplo?

-A cuestión económica. Cando se contratan os grupos aínda non sabes se vas recibir subvencións, nin cal é a cuantía e o gasto, hipoteticamente, está feito. Entón, chegan estas datas e... o mesmo. Hai subvencións do ano pasado que aínda están sen cobrar e, digamos, estamos xa nunha edición cuns gastos inminentes. Non é fácil de levar nin de que esa cuestión se queira asumir por parte da xente nova de Bágoas, porque eles teñen as súas vidas e non poden estar pendientes dos cartos, do traballo si(...) Festivais CIOFF, é dicir, integrados dentro do organismo da Unesco en Galicia, só hai tres: o de Ourense, o da Coruña e o noso. O máis antigo dos tres é o noso. De feito, eu avalei aos outros dous para poder entrar na organización. Comparativamente, o festival de Ourense págao íntegro a Deputación e o festival de A Coruña págao íntegro o Concello, de tal xeito que a asociación só ten que organizar. Sería para nós interesantísimo que houbera algún organismo que se fixera cargo desa parte económica, porque desa maneira habería unha boa continuidade.

-É o grupo de danzas pioneiro na Mariña. Que tal a súa saúde?

-A ventaxa que tén é que é unha asociación con moita antigüidade pero con a composición case total é de xente nova que tén ilusión, tén ímpetu e arrastra aos que somos veteranos. Este ano, ese impulso fai moita falta porque o sábado día 4 [de agosto] celebramos un evento dedicado exclusivamente a Bágoas da Terra e o curioso do espectáculo é que vai danzar ao compás das entidades musicais importantes de Viveiro. Hai un traballo inmenso que tivemos que facer, adaptando as músicas e as métricas ao punteo e estribillos nosos. Estamos a falar dunhas 18 danzas novas.

-Bágoas deulle a vida, verdade?

-Estas semanas deitome moi tarde e cansa pero dalgunha maneira nos ensaios dinme «é que eres incombustible». É que me mantén a danza, estou en calquer sitio e oio a música dunha gaita e os pés vánseme sós! Son da opinión de que non debería haber un galego ou unha galega que non soubera bailar unha muiñeira, unha xota ou unha pandeirada... unha peza galega. Sería importantísimo que todos os galegos tiveran a honra de saber danzar coa gaita galega nunha reunión familiar, nunha festa, nunha romería, etc... E a min, dende logo, a danza mantenme en pé con ilusión. Da xeneración de Bágoas da miña colleita, de cando empezamos, practicamente non teño a ninguén bailando neste 60 aniversario. Pero eu xa lles dixen, ‘con quen sexa eu vou saír a bailar’ (rí). Teño 76 anos. Non creo que poida conseguir chegar a outra efeméride deste tipo con Bágoas, entón non quero que esta pase desapercibida. A miña profesión [foi profesora de Educación Física] e esta afección axudáronme. Non canso de repetilo, Bágoas é o terceiro fillo que non parín e á xente de Bágoas quéroa como se foran dos meus.