«Non hai unha receta para ter as notas máis altas; hai traballo e implicación»

O IES mindoniense está á cabeza dos institutos galegos na nota da selectividade

Y. G.
MONDOÑEDO/LA VOZ

María José Cuesta é a orgullosa directora do IES San Rosendo de Mondoñedo, centro mariñano que este ano superou as expectativas do propio persoal docente e logrou situarse á cabeza dos institutos galegos nos exames da selectividade. O seu alumnado, cunha nota media de 7,8 nesta proba de acceso á universidade, sobresae por un expediente académico impresionante.

Preguntámoslle á directora do San Rosendo cal é o segredo do centro mindoniense para posicionarse durante máis de cinco anos consecutivos nos postos máis altos no que respecta ó expediente dos seus alumnos, e a súa resposta non puido ser máis clara e concisa: «É todo cuestión de traballo por parte do alumnado e dun profesorado moi preparado e implicado coa educación dos rapaces. Non podemos esquecer o apoio familiar, que é fundamental no desenvolvemento académico dos nenos».

Mondoñedo está, pois, moi orgulloso da súa xuventude, e o que amosan estes datos é que non importa o lugar ou zona, sexa máis grande ou máis pequeno, senón o interese e a motivación dos estudantes por aprender e superarse a sí mesmos. «Non temos nada que envidiar ós institutos dos grandes centros urbanos. Aquí intentamos satisfacer as demandas dos nosos alumnos na medida do posible», asegura María José con satisfacción.

Porén, ser un centro educativo nunha vila como a mindoniense ten as súas desvantaxes: «A veces, ter poucos alumnos é un problema, xa que non podemos ofertar todas as materias que nos gustaría ó nun cumplir co número mínimo de alumnos esixido».

Non obstante, o IES San Rosendo acada unha compensación dentro da súa actividade académica coa destacada implicación dos profesores. É tal que se organizan dende o centro moitos proxectos extraescolares e, incluso, intercambios con estudantes de outros países.

Todo isto favorece a curiosidade e participación dos rapaces en actividades lúdico-educativas dende unha idade moi temperá, propiciando posteriormente uns resultados académicos extraordinarios, engade a directora. E son precisamente estes resultados os que sitúan ó IES San Rosendo entre os mellores da nosa comunidade dende hai anos. Isto é un claro exemplo da importancia de contar cun persoal docente implicado.

«Non hai unha receta máxica. Todo depende do esforzo e da dedicación de docentes e estudantes», finaliza María José Cuesta.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

«Non hai unha receta para ter as notas máis altas; hai traballo e implicación»