«Non hai barco en Burela que non teña a Virxe»

sara gil / y. g. BURELA/ LA VOZ

A MARIÑA

SARA GIL

O Carme ten un protagonismo especial entre os centos de cadros que ateigan este lugar no porto

17 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Moncloa é un deses lugares que impoñen respecto. Nela, tradición e historias molladas en salitre, resoan con forza entre as paredes cheas de fotografías de barcos, especialmente boniteiros. «Aquí hai unha Virxe do Carme, e alí outra... e eu creo que aínda hai algunha máis», di O Gacha, un dos homes que se xunta arredor das catro da tarde para botar a partida cos amigos.

A figura da Virxe preside a estancia, no pouco oco que queda nunha parede ateigada de retratos doutros lobos de mar. Unhas catro mesas co seu tapete correspondente, como preparadas para esas barallas que as ocupan cada tarde entre anécdotas, contadas sempre co vocabulario propio e inconfundible.

Calquera dos vellos mariñeiros que alí se atopan poderían escribir un libro coas súas memorias sucando o mar. «Eu sei unha moi boa que lle pasara a Germán do Lelo», comeza O Baratero, o apodo polo que todos o coñecen no seu pobo. «Estaba de marea e mandou apartar os outros barcos do seu recorrido, pensando que collera un peixe moi grande. Cando estaba a manobrar para subilo, deuse conta que era un plástico enorme», explica. «E dende esa comezamos a chamarlle O Plástico, por iso que lle pasou e que foi tan gracioso», engade O Canabalo.

Saben ben que o mar non é sempre amigo, e que hai que andar con ollo. Así recorda O Baratero unha desas veces nas que se acordou moito da Virxe do Carme, porque o perigo foi inminente. «Estábamos en San Esteban de Pravia. Estaba todo zarrapiñado, e non vin o sinal de que estaba o porto cerrado... E cando o vin, xa estaba encima do mal tempo. Máquina en banda e o barco para a escollera... Non podíamos coa corrente. Ao final, fomos capaces de saír», recorda, e semella que o medo vólvese dono dos seus ollos.

«A Virxe do Carme é moi importante. Rezamos sempre por ela, pero neses momentos duros aínda nos acordamos máis. Non hai barco en Burela que non teña a figura da Virxe na ponte», explica O Canabalo. Tamén contan que xeralmente, cando acababa a costeira, había unha caixiña na que cada mariñeiro ía deixando un donativo para despois dalo para a patroa dos mariñeiros. Os sentimentos son fortes e o amor co que falan dela é difícil de explicar. «É importante para todos os mariñeiros», sentencian case ao unísono. Para eles a Virxe nunca deixa de acompañalos.