A fábrica de Sargadelos desde dentro

As visitas guiadas ás intalacións mostran o proceso de fabricación da cerámica


Visitar a fábrica de cerámica de Sargadelos é adentrarse nunha tea de araña humana e histórica. Os traballadores que alí dan forma ás pequenas pezas de arte levan ás súas costas o peso de dous séculos de historia galega. Raimundo Ibáñez creou a principios do século XIX a fábrica de loza en Sargadelos. A contorna estaba da súa parte: os xacementos de caolín da comarca permitían elaborar unhas pezas de gran calidade e das que a materia prima se obtiña dos lugares colindantes.

Nestas terras sobre as que se levantaron os primeiros muros da fábrica, xuntámonos un grupo de dez curiosos para coñecer o proceso actual de elaboración das pezas de cerámica. Romina Oroza, a guía, introdúcenos entre as catro paredes onde se crea este produto tan prezado.

Conta a historia que cunha grande produción, moitos empregados e moitos produtos no mercado, o caolín foise esgotando. Foi entón cando se chegou a un acordo cos ingleses para traelo dende as súas terras. Tras as probas pertinentes para comprobar a calidade da materia prima, chegouse a un caolín de similar calidade mesturando dúas variantes do que existe en terras inglesas. Varios pleitos familiares levaron ao peche da fábrica a finais do século XIX e as máquinas non volveron sonar ata o ano 1968, cando Isaac Díaz Pardo comezou a súa recuperación, no seu intento por volver levantar a economía e a riqueza cultural galegas.

Ese respecto e amor polas nosas tradicións mantense aínda hoxe, coas homenaxes ás figuras da cultura popular que se crean cada ano cos expertos nos talleres de Sargadelos.

A visita transcorre dende a primeira elaboración da masa, feita con caolín, cuarzo, feldespato e auga, ata a colocación das pezas en caixas e debidamente etiquetadas. Hai dous tipos de masa dos que se parte: a líquida e a sólida. A esencia desta fábrica é que case todo, mesmo os moldes, son de elaboración propia. A masa líquida vértese neles e déixase repousar ata que ela sola se despega das paredes do mesmo. No caso da sólida, que se presenta en cilindros moi pesados, córtase en rodas e logo dáselle forma co torno.

Polos corredores deste lugar daste conta de que a arte cobra vida xusto despois do despegue: chega o primeiro baño de color e a cocción no forno. Entre as mesas de traballo é fácil observar con detalle a delicadeza manual que as artistas que traballan co pincel implican en cada peza. Os controis de calidade, ademais de necesarios, marcan a excepción nesta cerámica que coida cada punto de pintura da súa obra.

Durante os 40 minutos de percorrido, a tradición e a modernidade dos modelos máis actuais mestúranse nesta atmósfera que sona a ritmo de máquinas, que quence coa calor do forno e que enche a Galicia de máis arte.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

A fábrica de Sargadelos desde dentro