Viveiro, en pé de guerra contra as agresións sexuais

lidia fernández / s.c. VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

O concello pón en marcha unha serie de medidas preventivas ó comezo do Resu

12 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Viveiro non é cómplice», esa é a consigna escollida pola alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e a edil de Cultura, Lara Fernández, para a presentación do «punto lila» de prevención contra as agresións sexuais e acoso no Resu. Haberá un posto no recinto do festival para denunciar agresións, abusos ou acosos. Onte na rolda de prensa no concello tamén estivo presente Pablo Rodríguez, representante da Policía Nacional.

O protocolo contra a agresión sexual parte dunha iniciativa do concello, e conta coa colaboración da Policía e do persoal de seguridade do propio festival. Unha das medidas que se pretenden levar a cabo é o establecemento dun punto lila, situado nas inmediacións do recinto. Neste punto estarán traballando varias voluntarias, encabezadas por Cristina Lestegás, do Observatorio da Mariña pola Igualdade, que velarán pola seguridade de todas as mulleres que acudan ó festival.

Con esta iniciativa preténdese axudar a previr posibles agresións sexuais neste tipo de eventos e, aínda que non consta que en edicións pasadas do Resu houbese denuncias por este tipo de delitos, «nunca está de máis previr», asegura a alcaldesa. Ademais, a intención é facer desta iniciativa algo extensible a outras festas e celebracións multitudinarias que se celebren no concello e nos arredores.

«As mulleres non deberían ter medo de divertirse e pasalo ben no festival», afirmou María Loureiro. Ademais do punto lila, o concello e a Policía Local encargaranse de establecer unhas pautas de actuación que todos os traballadores do festival deben seguir. «É imprescindible non deixar nunca a unha muller ou a un menor ebrio sós, xa que son os colectivos máis vulnerables», reiteran dende o concello. Nestes casos hai que chamar ó 112 para que se fagan cargo da persoa en cuestión.

Tamén se reproducirá con bastante frecuencia un vídeo para concienciar sobre as agresións sexuais e a violencia machista, e repartiranse folletos en diferentes idiomas para recordar sobre a importancia de tratar ás mulleres con respecto. Todo isto coa finalidade de evitar que unha soa muller se sinta agredida durante o festival.