Os chefs mariñáns buscan dinamizar e poñer en valor a gastronomía local

sara gil / y. g. MONDOÑEDO / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMNALLAL

Seis cociñeiros e un panadeiro únense para apostar forte polos nosos produtos

10 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Chega á Mariña a primeira asociación de cociñeiros. Baixo o nome Asociación de Cociñeiros da Mariña (ACDM), seis chefs e un panadeiro xúntanse neste colectivo sen ánimo de lucro para facer unha aposta clara polo produto local e a gastronomía da comarca.

Onte fixeron a súa presentación na casa do Concello de Mondoñedo, onde a alcaldesa, Elena Candia, resaltou a creación desta asociación como piar para fomentar un sector que non deixa de medrar, tamén «grazas á calidade dos nosos produtos e á experiencia do bo facer dos nosos cociñeiros», apuntou.

Perseguindo encher as súas inquedanzas e buscando dinamizar, promocionar e relanzar a interesante materia prima que hai na Mariña, forman esta asociación que prevé colaborar con entidades mariñás e organizar numerosas actividades como xornadas informativas, xornadas de exaltación do produto, showcooking, talleres prácticos, colaboracións con produtores locais, colaboracións con institucións públicas, etc. Elena Candia reforzou tamén a implicación de todos e todas nas iniciativas que nacen na comarca. «Temos que implicarnos coa xente e coas iniciativas que recoñecen e valorizan os nosos produtos. A través deste proxecto, Mondoñedo pon en valor o seu pan, a súa horta e a súa auga e, o que é máis importante, o factor humano», explicou Candia.

Os chefs lucirán nos seus uniformes o distintivo dos produtos da Horta de Mondoñedo e farán unha aposta pola auga km0. A iniciativa auga km0 cre na calidade da auga local, sen esquecer a defensa do medio ambiente e pretendendo recompensar a pegada dos nosos hábitos.

Son seis os concellos que se verán representados nesta asociación. Ribadeo, con David Rodríguez do Restaurante A Mirandilla de Rinlo; Barreiros, con Jesús Villarino e o Restaurante sador; Lourenzá con Jorge López e O Pazo de Tovar; Burela con Michel Cociña da Casa Miranda; Viveiro con Alejandro Arca do Arume Gastrobar; e Mondoñedo, por partida dobre, con Bruno Perna do Restaurante A horta da Paula e Waldo Jose González, da Panadería Rubal. Sete profesionais con moita experiencia entre fogóns, fornos e cociñas que se embarcan nesta experiencia.

Segundo contan, a intención é dar a coñecer tamén o seu traballo nas moitas citas gastronómicas que se organizan na Mariña: a Feira do Bonito de Burela, a Festa da Ensalada de Mondoñedo, a Festa do Percebe de Rinlo ou de Xove, a Festa da Merluza de Celeiro, a Festa do Ourizo en Cervo ou a Feira da Faba de Lourenzá. Os nosos pobos organizan decenas de eventos coa comida como protagonista, e alí estará a ACDM.