Cervo continúa activo tamén no verán

O Concello programa múltiples actividades pensando nos rapaces e nas familias

.

cervo / la voz

O Concello de Cervo deseñou unha ampla e variada programación de actividades para este verán. Comezarán mañá, luns 2 de xullo, e, segundo o Concello, hai máis de 150 nenos e nenas inscritos nas actividades.

Entre os programas figura xa entre os consolidados Enredos do Verán, dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. As actividades impártense na Casa do Mar de San Cibrao e no Ecomuseo cervense, os luns e mércores, de 11.00 a 12.30 horas para os nenos de 3 a 5 anos, e os mesmos días de 12.30 a 14 horas para nenos de 6 a 9 anos. Os martes e os xoves, de 12.30 a 14.00 horas, será a quenda dos rapaces de entre dez e doce anos. Nesta actividade contémplanse todo tipo de xogos acuáticos e actividades ao aire libre, como surf, skate, bádminton, disc golf, etcétera.

repasando no verán

Para todas as idades. A concelleira de Cultura e Educación, Dolores García Caramés, lembra que este programa está dirixido a rapaces de todas as idades. Impartirase nos diferentes locais sociais das parroquias nos que se desenvolverán todo tipo de actividades de reforzo, cálculo, clases de inglés, etcétera. Tamén se porán en práctica técnicas de estudo, como realización de esquemas ou resumos. As clases comezarán mañá.

Mañá, día 2, comezan boa parte das actividades

As Noites Alternativas comezarán o vindeiro día 3

A Noite de Orientación, na Praza dos Campos, será a actividade que inaugure unha completa axenda lúdico-deportiva que se desenvolverá ao longo dos meses de xullo e agosto en diferentes ubicacións de Cervo e San Cibrao, a partir das 22 horas o primeiro día de cada actividade. As inscripcións, abertas a veciños e a empadronados en concellos veciños, deberán facerse o primeiro día de cada actividade entre as 20.30 e as 21.30 horas. Haberá fútbol praia, fútbol 3x3, rutas en kaiaks, volei praia, basket 3x3, pádel, unha noite do patín, orientación, xogos... O ano pasado participaron nesta actividade mil persoas.

Desde o Concello fomentan o voluntariado entre os rapaces

Outro dos programas que se desenvolverá este verán é o de «Cervo a carón do voluntariado», dirixido a rapaces de entre 16 e 30 anos. Os inscritos poderán colaborar nas diferentes actividades que se programan desde o Concello, como os Enredos do Verán, as Noites Alternativas ou actividades de achegamento á biblioteca. «Animamos a toda a mocidade a que participe nas diferentes actividades pensadas como alternativa de ocio para os rapaces e rapazas durante a tempada estival, para que compartan tempo de lecer entre eles e practiquen deporte», manifestou a edila de Cultura e Educación, Dolores García.

«Avívate en Cervo» e «Deseñando o teu futuro»

Chega a segunda edición do programa «Avívate en Cervo», para mozos de 18 a 30 anos. Comezará mañá e engloba un curso de monitor de tempo libre, un curso de manipulador de alimentos e outro de primeiros auxilios. Esta iniciativa completarase cunha visita á escola infantil. Tamén se programou o obradoiro «Non desesperes... Relax», que é unha xornada de ioga impartida por unha experta. Outro programa, «Deseñando o teu futuro», dirixido a rapaces de entre 14 e 18 anos. Poderán realizar estadías becadas en empresas cervenses. Os participantes recibirán 6 euros ao día. O 17 remata o prazo de inscripción.

 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Cervo continúa activo tamén no verán