«Os médicos tamén podemos aprender dos menciñeiros de Álvaro Cunqueiro»

Ángel Paniagua Pérez
Ángel Paniagua MONDOÑEDO / VIGO / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA POR EL NORTE DE CASTILLA

O médico mindoniense, afincado en Valladolid, deu unha conferencia sobre o autor galego

30 jun 2018 . Actualizado a las 21:51 h.

A conversa comeza en castelán. José María Eiros naceu en Mondoñedo en 1959, pero marchou aos dez anos e a súa vida transcorre en Valladolid, onde é médico, catedrático e foi xerente de hospital; tamén foi deputado desa provincia polo PP.

Falamos con el sobre a relación de Álvaro Cunqueiro coa medicina no hospital que leva o seu nome (13.30, salón de actos do HAC). Fala por teléfono, dende o seu despacho de xefe do servizo de microbioloxía do Hospital Universitario Río Hortega de Valladolid cando, de súpeto, decátase de que algo non vai ben.

-Pero espere. ¡Es que hablar de Cunqueiro en castellano! ¿Impórtalle que falemos en galego?

E non importa, claro. O seu falar ten xiros cunqueirianos -pronuncia «esprito», «deprender», «sobor de todo»...-. Como ademais fala sobre o escritor, a conversa devén dobremente cunqueiriana.

-E logo, despois de tantos anos vivindo fóra, ¿aínda fala o galego?

-É que eu nunca deixei de vivir en Mondoñedo, teño casa alí e vive meu pai. Eu identifícome un pouco con Cunqueiro, que cando vai para o instituto, atópase cun mapa de Domingo Fontán e di que se atopa co país galego, a súa vocación, «a terra da miña lingua, do escuro acento galego». Ese é o meu acento. Eu penso en galego.

-¿En Valladolid?

-Diante dun doente de Terra de Campos, non; pero se algo atrae de Cunqueiro é que un pode mimetizar cos seus personaxes.

-¿Como pensa en galego un médico?

-Cunqueiro propón situarse diante do doente e darlle solucións non só para o problema médico, senón para o seu acertixo existencial. É o que facían os médicos da súa Escola de menciñeiros: collen a faciana da vida que mellor lles pode facilitar resolver o problema asistencial.

-Aínda que non é médico, ¿os médicos poden aprender moito de Cunqueiro?

-Sen dúbida. Os métodos de tratamento que aplican os menciñeiros de Cunqueiro, o feito de comprender ao enfermo e abarcar a existencia do doente é algo que non se debe esquecer.

-¿Como son eses métodos?

-Eu estiven nun servizo de cardioloxía dun hospital español que tiña escrito no mural da sala de sesións clínicas unha frase de Valentín Fuster: «O cardiólogo que non saibe adicarlle a un paciente 20 ou 30 minutos non merece ser chamado médico». Iso xa o sinalara Cunqueiro tempo antes. Os seus menciñeiros Perrón de Braña ou Pardo de Lagoa botaban tempo a carón do seu doente.

-Vostede que coñece o sistema dende moitos ángulos sabe que iso é algo que moitos médicos non poderían facer aínda que quixesen. Non teñen tempo.

-É certo, non se pode; sobre todo, nos pacientes ingresados. Os médicos viven queimados.

-¿Que lle parece que un hospital leve o nome de Cunqueiro, que non era médico?

-Brillante. Ten un fondo de recoñecer a alguén como don Álvaro, ao que en vida non se lle recoñeceu o moito que achegou á literatura pero tamén é un recoñecemento á sua visión da vida. Cunqueiro é un gran coñecedor da alma do ser humano, que transmite que un doente acude a un hospital a ser curado ou a ser acompañado.

-E el mesmo foi doente crónico, no Hospital Xeral de Vigo, como tanta xente.

-Pero como é delicado, fino de espírito, nunca verte a queixa ou a doenza naquilo que escribe. Libros como Os outros feirantes, ou Escola de Menciñeiros escríbeos na época viguesa e non inclúe nada persoal por pudor. Pero si, el mesmo ten vivenciado o que é un doente do noso país.

-¿Un doente do noso país? ¿E logo hai un xeito galego de ser enfermo?

-Absolutamente. Un galego non ten nada que ver con ningún outro ser do mundo. Eu vivín toda a vida fóra de Galicia e o feito de expresar unha doenza non ten nada que ver nun galego que coa claridade ou a dureza cun da provincia de Palencia. É ese deixar a medio dicir...

-Ollo que hai moitos médicos que se queixan diso. Que din que lle preguntan a un enfermo «¿E dóelle?», e lles contesta «Bueno...»... Non sempre lles axuda.

-Eu traballei de médico en Pedrafita. E había unha señora que o único que dicía era: «Eu revo».

-¿Que aprendeu de Cunqueiro para o seu oficio?

-Dúas cousas. Unha é a visión de conxunto do paciente, non ver só unha infección senón velo como un todo. A outra é o escoitar agarimoso e acolledor que describe nos seus menciñeiros.

-E de todo isto falará na charla do venres.

-Si. Falo das súas fontes de coñecemento, que son as Terras de Miranda, a botica e seu pai. Falo tamén do seu xeito de aproximarse ao doente e ao menciñeiro. Ilustro con algún caso clínico. O meu obxectivo é animar a ler a Cunqueiro.

-Conte algún deses casos clínicos.

-Pois había un paciente que era prestamista. Tiña un cadro clínico que a medicina oficial non lle acertaba. Os sobriños chaman ao menciñeiro Lamas Vello e este resolve o caso aconsellando ao home que cambie de entorno vital: múdase á Mariña de Lugo, vive de pedir esmola, non leva cartos... Faino e cura do corpo e mellora da alma. E Cunqueiro di: «Chegou aos 90».

-¿E que tiña en realidade ese paciente?

-Pois mire, o que tiña era un cadro de suor alterada, non durmía... O que tiña era ansia e nada máis. Polos cartos.

«Hai un xeito galego de ser enfermo: ese dicir a medias; un galego non ten nada que ver con ningún outro ser

do mundo»