Sobre emprendedores e emprego en Viveiro

María Loureiro

A MARIÑA

26 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Na sesión plenaria do pasado 6 de xuño, debatiuse a moción presentada polo Grupo Municipal do PP para a inclusión do Concello de Viveiro na iniciativa «Concellos Doing Business Galicia» ou «Concellos Emprendedores». Para poder participar nesta iniciativa os concellos deben adoptar unha serie de compromisos, entre os que figura a modificación das ordenanzas fiscais para establecer unha bonificación en determinadas taxas e impostos de ata o 95%. Pola súa parte, a Xunta comprometíase, entre outros, a establecer unha discriminación positiva a favor destes concellos nas solicitudes de determinadas subvencións destinadas a investimentos e gastos nos eidos industrial, do emprego e do emprendemento.

No debate da moción esta Alcaldía explicou as razóns polas que este concello non se adheriu a este convenio, dando conta detallada do informe técnico emitido ao respecto.

Neste informe, entre outras cuestions, lembrábase que este concello xa reducira o tipo de gravame do ICIO e a tarifa tipo I das licenzas de apertura para todo tipo de novos establecementos comerciais en 2016 e que modificara a ordenanza fiscal de licenzas de obras en 2017, bonificando un 80% da taxa

no polígono industrial de Landrove, co fin de incentivar a instalación de novas empresas no noso Concello.

Ademais, advertíase das consecuencias económicas, financeiras e orzamentarias que a elevación da desviación entre gastos e ingresos implica sobre a estrutura orzamentaria municipal, entendéndose que non deben

diminuír os ingresos municipais, agás que realmente impulsen a actividade económica no concello de Viveiro que compense a modificación proposta.

Este concello xa viña adoptando unha serie de medidas fiscais co fin de fomentar a actividade no sector da construción, impulsar a actividade económica, incentivar a apertura de novos establecementos e incentivar a instalación de novas empresas no noso Concello; tendo en conta que non se podía garantir que a adhesión a este convenio supuxera un impulso da actividade económica e que, polo tanto, quedara compensada a desviación entre gastos e ingresos, tal e como se condicionaba no informe de intervención, acordouse neste momento non realizar os trámites correspondentes para a adhesión a esta iniciativa.

Coido que estas explicacións serven para desmentir as acusacións aparecidas na prensa en días pasados, unha información sesgada coa que se pretende confundir á veciñanza e que carece de veracidade.

Quero deixar claro que esta mocion foi rexeitada cos votos en contra do PSOE, de Son Viveiro e dos concelleiros non adscritos; polo tanto, se a moción non saiu a diante non foi, unicamente, polos votos en contra deste equipo de goberno, foi votada en contra polos doce concelleiros referidos. Tamén quero aclarar que a competencia sobre o emprego é autonómica, polo que non se pode culpar a este concello da taxa de desemprego existente. Cousa ben distinta é que este sexa un dos grandes motivos de preocupación

deste equipo de concello, polo que, dentro das propias competencias e posibilidades se veñen levando a cabo diversas iniciativas co fin de incentivar a creación de emprego.

Nesta mesma liña, é necesario facer constar que, ademais das subvencións concedidas pola Xunta a todos os concellos para determinadas contratacións temporais, nos últimos dous anos o concello convocou unha praza de funcionario interino para o servizo de urbanismo, convocou unha praza como operario de protección civil na modalidade de contrato de relevo e tramitou o prodecemento para elaborar tres listas para substitucións temporais (docentes do Conservatorio de Música, traballador/a social e conserxes). Ademais, neste mesmo periodo, o Concello de Viveiro contratou a 16 traballadores grazas á subvención concedida pola Deputación no marco do programa Depuemprego, por un importe de 131.895,97 euros; unha axuda que permitirá, tamén neste 2018, contratar outros 7 traballadores por un importe de 69.474,90 euros. Quero aproveitar para agradecer á Deputación de Lugo a colaboración prestada e o seu compromiso co fomento do emprego. Agardo que estas declaracións sirvan para deixar claro, de forma firme e rotunda, o compromiso deste equipo de goberno cos veciños de Viveiro, polo que vén traballando co obxectivo de crear emprego e conseguir a instalación de empresas no noso municipio; para a consecuención destes fins, sería necesaria a urxente aprobación do PXOM (paralizado en Augas de Galicia) ou a creación dunha vía de alta capacidade que nos conecte co resto de Estado.