Homenaxe ao Gardarríos e a Antonia Díaz Pérez

Antonio Reigosa CRONISTA OFICIAL DE MONDOÑEDO

A MARIÑA

24 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Esmorecía o venres 25 de xuño de 1948 cando no bico da media noite, en Vilanova de Lourenzá, a escasa luz artificial contornaba as sombras dun home e dunha muller que avanzaban confiados cara a vila. Regresaban da festa do San Xoán.

Nun alustro todo muda. Mentres unha man mataba a luz das lámpadas outra apuntaba cun foco delator a ambos corpos. Os índices dispostos para accionar os gatillos das armas de fogo non dubidan; os elementos da brigada político-social de Viveiro disparan e re-matan a faena. Tras a traca mortal faise o silencio. Alguén escoita o ruído dos disparos pero non ousa. O bolborotos de sangue tinguen a poeira de vermello viscoso e o ambiente cheira a xofre. O demo do fascismo andaba ceibo!

A propaganda oficial recréase no “éxito” dunha operación policial dirixida polo sarxento Sebastián Fernández Rivas que culmina coa caza e captura do que eles consideran perigoso “atracador”, alcumado O Gardarríos, e coa da súa acompañante, Antonia Díaz Pérez. O mesmo sarxento, varias veces condecorado polo réxime, terá tamén que ver na morte d’O Piloto, último guerrilleiro galego antifranquista, e na do Jarabo, derradeiro delincuente axustizado en España a garrote vil en 1959.

Sobre a asasinato d’O Gardarríos, Luis Trigo Chao, e o da súa acompañante, Antonia Díaz Pérez, campará unha longa noite de medo e de silencio que se prolongará case ata os nosos días. Antonia Díaz, natural de Vilela, Cubelas (Ribadeo) acababa de cumprir os 20 anos. De orixe moi humilde, orfa de nai, pertencía a unha familia que auxiliaba a algúns opositores ao franquismo. Velaí o seu gravísimo delito!

Luis Trigo, nacido en Ourol

Luis Trigo Chao, alcumado O Gardarríos e O Chao, nacido en Cabanas, concello de Ourol, en 1891, emigrara a Cuba e despois a Arxentina. Regresara en 1929 para pasar a residir en Viloalle (Mondoñedo). De profesión garda xurado da Sociedade Protectora de Caza e Pesca de Mondoñedo desde 1930, durante a II República foi dirixente da Agrupación Socialista local e da Federación de Traballadores da terra de UGT. Tras o golpe de estado de 1936 botouse ao monte e formou parte da resistencia.

É moi de celebrar que os tres concellos da Mariña, Mondoñedo, Lourenzá e Ribadeo, aos que están vinculadas as biografías de Luis Trigo Chao e Antonia Díaz Pérez acordasen nos órganos de decisión pertinentes apoiar e convidar á veciñanza a participar na homenaxe que tivo lugar onte, 23 de xuño en Mondoñedo e Vilanova de Lourenzá. Unha mesa redonda, coas intervencións dos historiadores Carlos Nuevo, X. Ramón Ermida, Bernardo Máiz, Odette Martínez xunto ao exguerrilleiro antifranquista berciano Francisco Martínez ‘Quico’, puxo luz sobre os precedentes e lexítimas razóns da resistencia ao franquismo.

Pola tarde, xa no cemiterio de Vilanova de Lourenzá, celebrouse un recital poético-musical e inaugurouse un monólito na memoria de ambos loitadores pola democracia e as liberdades coa asistencia de, entre outras moitas persoas, a neta de Luis Trigo, Fernanda Cedrón Trigo. Un crime de estado como aquel, acubillado tras as falacias dun réxime golpista e ilegal, merece luz! Luz e verdade para a memoria destas e de todas as vítimas!

*Antonio Reigosa é cronista oficial de Mondoñedo.