Presentan a III edición xa da Carreira Nocturna Burela Bonita

s. c. / D. r. BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Será o 21 de xullo e haberá dúas modalidades, de 10 e 5 quilómetros

22 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A III edición da Carreira Nocturna Burela Bonita terá lugar o día 21 de xullo. O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, agarda que se superen os 240 inscritos do ano pasado. O evento foi presentado onte no Concello burelés.

Ramiro Fernández subliñou que «este ano imos facer a carreira dos nenos, que o ano pasado fixémola pola mañá, con anterioridade á carreira principal. Nesta edición imos dar trofeos en todas as categorías como novidade, e esperamos que a participación do ano pasado, que foi de 240 persoas, mellore nesta edición e que haxa máis xente que participe na carreira».

Fernández Rey anima «a todo o mundo a participar, poden facer as inscricións a través de championchipnorte. Tamén queremos agradecer o apoio de todos os patrocinadores e a inestimable axuda que nos dá a Deputación de Lugo, que nos financia unha parte moi importante da proba».

A inscrición pode facerse en www.championchipnorte.com. A recollida de dorsais será, na Praza de Abastos, o 20 de xullo de 18:00 a 20:30 horas, e o 21 de xullo de 19:00 a 21:00 horas. Os premios na carreira de 10 quilómetros serán de 100 euros para o primeiro, 50 euros para o segundo e trofeo para o terceiro, nas categorías masculina e feminina. Haberá tamén 100 euros para o primeiro corredor local.