Marina Oural leva a Portugal a obra sobre Juana de Ibarbourou
A creadora de Lourenzá foi invitada a ofrecer unha residencia artística e un obradoiro no Festival Ocupai
lourenzá / la voz
O ano pasado, a creadora de Lourenzá Marina Oural Villapol estreou «Juana de Ibarbourou, inspiracións», unha obra multidisciplinar composta de música, danza e poesía «ao servizo do teatro» e inspirada na vida e na obra da poetisa uruguaia Juana Fernández Morales (1892-1979), que era filla dun laurentino emigrado no século XIX. Esta semana, Oural atópase en Portugal participando no Festival Ocupai, de Arte e Acción, ao que foi invitada para ofrecer unha residencia artística e un obradoiro, ademais da estrea da obra a trío, que terá lugar o día 24 na praia fluvial de Destriz. O certame, que se celebra no municipio de Oliveira de Frades, é un referente no país veciño. «Este festival acolle o proxecto que no mes de abril se realizou en Rianxo, Oleiros, Ortigueira e Vimianzo despois de ter recibido o Premio Luisa Villalta para proxectos culturais pola igualdade da Deputación da Coruña, e producido por aCentral Folque», subliña Marina Oural, a quen acompañan nesta viaxe internacional Chefa Alonso, que se ocupa da dirección musical; Irene Álvarez , encargada da coreografía e da danza; e Mónica Cofino, directora escénica.
Unha carta sonora e un poema
«Sinto que disfrutar do proceso de creación en si mesmo é bo para a saúde», destaca a creadora de Lourenzá, que traballou durante oito anos na Festa da Faba e que recorda como medrou vendo o nome de Juana de Ibarbourou na biblioteca do seu concello. «Pero nin no cole nin no instituto me contaran nada dela», apunta. No 2007 tivo un primeiro contacto a través dunha carta sonora que a poetisa enviara no 1963 ao concello no que nacera o seu pai. «Era unha carta preciosa e xa daquela vin que era unha poeta grandísima», indica.
Varios anos máis tarde, no 2016, chegou a ela un poema que, segundo afirma, resumiu o seu periplo vital ao longo dos últimos dez anos e despois de moito tempo fóra, decidiu voltar á súa orixe. «Decidín voltar porque me doía moitísimo o despoboamento do rural, e nesa volta, que foi moi dura e moi gratificante á vez, vin que ese poema era a clave para abrirme a outra cousa», sinala, antes de destacar que a poetisa é para Uruguai o que pode ser Rosalía de Castro para Galicia: un referente de primeira orde.
«Juana é para Uruguai como Rosalía para nós, unha fonte continua de inspiración»
Comentarios