CD Lugo e Oviedo xogarán un partido na Marosa, en Burela

D.R., S.C. BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Será o 1 de agosto O encontro está fixado para as 19.30, e o alcalde A. Llano amósase satisfeito con que se dispute no campo burelés

20 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde burelés, Alfredo Llano, anunciou onte que o Lugo e o Oviedo enfrontaranse nun partido amistoso en Burela o vindeiro

1 de agosto na Marosa. Así llo comunicou o presidente do club lucense ao rexedor con quen coincidiu o pasado domingo no estadio Anxo Carro, onde a SD Burela se mediu ao Pobra de Brollón na final da Copa Deputación, torneo que gañaron os bureleses.

Alfredo Llano lembrou que «este pasado domingo estivemos en Lugo no Anxo Carro, para ver un partido extraordinario entre a Pobra de Brollón máis o Burela, que disputaron a Copa Deputación. Foi un torneo bonito, moi ben traballado polo noso equipo que se fixo campión merecidamente, vencendo na final 3-1; xogaron ben e vese que leva bo ritmo, que está ben equilibrado e está formando un bo equipo para cumprir o ascenso que imos ter para esta nova tempada», manifestaba optimista o alcalde.

O rexedor tamén explicaba: «Estiven falando co presidente do CD Lugo, chegamos a un acordo, e hoxe mesmo confirmáronme que o día 1 de agosto imos ter un bo partido en Burela entre o CD Lugo e o Real Oviedo, que será ás 19.30».

«Interesante e motivador»

«Penso que a xente de Burela merece este evento deportivo, é motivador para as escolas deportivas, para este novo club de fútbol que temos en Burela, e para todo o mundo que queira aprecialo e estea pola comarca de vacacións, ou non necesariamente de vacacións, nesa data».

Alfredo Llano amosábase onte moi satisfeito ao ter conseguido que este partido se disputara en Burela, «é unha satisfacción moi grande. O outro día o presidente do CD Lugo díxome que sería moi interesante para todos, e hai que agradecer ese interese e a celebración deste partido finalmente en Burela. Son dous grandes equipos; o Lugo fixa unha campaña extraordinaria en Segunda, situándose nalgún momento entre os primeiros clasificados, e o Oviedo tamén está nunha boa racha; seguro que imos ver un partido entretido e interesante, insisto, especialmente os afeccionados ao fútbol».