Xogos medievais sobre Pardo de Cela no Pico da Frouxeira

La Voz ALFOZ / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

Uns 150 alumnos de colexios de Alfoz e Foz participaron nunha recreación histórica no alto do monte

15 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Pico da Frouxeira, onde contan que noutrora se levantaba unha das fortalezas do mariscal Pardo de Cela, converteuse onte no mellor dos escenarios para a recreación histórica que organizaron conxuntamente os concellos de Alfoz e Foz. Ata o cumio do monte, que está situado a máis de 420 metros de altitude, e desde o que se divisan amplas extensión de municipios como Foz, Alfoz, O Valadouro e Mondoñedo, desprazáronse pola mañá ao redor de 150 alumnos que estudan nos colexios focenses O Pilar, Martínez Otero e CEIP de Nois, ademais de no CEIP Castro de Ouro, de Alfoz. Os pequenos gozaron da segunda edición desta iniciativa, que incluíu a celebración de distintos xogos medievais nos que os rapaces interactuaron cos propios protagonistas da historia, como Pardo de Cela.

Para a noite de onte estaba prevista a organización da segunda parte deste novidoso proxecto, denominada «A historia cobra vida na Frouxeira». Tratouse dun espectáculo nocturno dirixido a todos os públicos e no que a entrada foi gratuíta.

Compañía Queiman e Pousa

Esta iniciativa para a promoción da Frouxeira está promovida polos concellos de Foz e Alfoz, mentres que da recreación en si sobre Pardo de Cela encárgase a compañía galega de espectáculos musicais Queiman e Pousa, que tamén participa noutras iniciativas similares, como a Romaxe Vikinga que acollerá O Vicedo a finais do vindeiro mes de xullo. Aos actos celebrados pola mañá asistiron, entre outros, o alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, e o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Desenvolvemento Local en Alfoz, Xabier Pardiñas Suárez.