«O díficil non é volver ao instituto con 45 anos senón atopar traballo con 47»

María Cuadrado Fernández
MARÍA CUADRADO FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

A focense Arantxa Incera, que estudou Saúde Ambiental no IES Monte Castelo, figura entre os 23 premiados galegos

12 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Arantxa Incera Ares (Foz, 1971) gañou un dos 23 premios extraordinarios galegos de Formación Profesional de grado superior correspondentes ao curso 2016-2017. No IES Monte Castelo de Burela estudou o ciclo superior de Saúde Ambiental. Onte manifestaba a súa satisfacción polo premio, que interpreta como un recoñecemento ao esforzo e ao traballo. Esta premio extraordinario busca emprego, pero non aparca a súa paixón por seguir formándose. «Aínda que estivera traballando, seguiríame formando. Aínda que agora ampliei ao ámbito autonómico a zona de búsqueda de emprego, lamento que nesta comarca non haxa máis oportunidades laborais», confesa Arantxa Incera, quen exerceu como edila en Foz e foi candidata polo PSOE ao Congreso. Na súa mocidade, cursou Bacharelato Experimental antes de implicarse na crianza dos seus fillos.

-¿Contaba con este premio?

-Estaba pendente. Podíaste presentar a partires de ter unha nota de 8,5, e eu teño de media un 10. Despois tiven que presentar cursos. Por ter un 10 de media logrei seis puntos e os outros tres, por cursos de formación. Eu matriculeime en 23. Cando acabei o curso fixen as prácticas durante tres meses en Alcoa, no laboratorio. Quedei encantada con toda a xente.

-¿Continúa estudando?

-Mentres busco traballo estou facendo un ciclo de Xestión Administrativa a distancia no CIFP Porta da Auga de Ribadeo. Ademais doutros cursos, agora estou facendo un máster de xestión ambiental que me regalou o meu fillo polo Día da Nai.

-¿Foi difícil volver ao instituto con 45 anos?

-O difícil non é volver ao instituto con 45 anos senón atopar traballo con 47. Eu son moi optimista, Internet ofrece moitas vantaxes, pero é importante ter moita forza de vontade, organizarsee e marcarse obxectivos. Eu viña de letras puras e dábame medo non ter bo nivel en química. ¡Pensa que tiña 45 anos cando vin para o instituto! Creo que é unha cuestión de adestramento. Ao principio custoume, sobre todo preparar exames, pero eu tamén son de levar os estudos ao día e son das que penso que sin esforzo non logras nada. E despois, está o apoio do instituto. Tres estudantes de dous ciclos superiores optamos aos premios. Con iso dígocho todo. O apoio do centro é fundamental, por iso é un premio compartido.

-¿Que significa para vostede o premio?

-É unha maneira de que se vexa recompenado o esforzo que fixen. Con este premio podo presentarme aos nacionais, pero os baremos son diferentes. Neses, a idade é una desvantaxe, en caso de empate, gaña o máis novo.

-¿E agora?

-Agora toca coller vacacións, dedicarme ao máster e disfrutar da familia. Teño dous fillos, ambos alumnos de FP. Un ten 27 anos, cursou Automoción en Ribadeo e foi seleccionado para traballar actualmente na Mercedes en Alemaña. E a filla, que cursou Xestión Administrativa no IES Perdouro, está de Erasmus en Italia.

-¿Era vostede a maior da clase?

-Eramos seis e á gran maioría sacáballe 20 ou 25 anos de diferenza. O problema non é a idade, o que importa é a forma de ser de cada un. Sentinme moi a gusto.