«O Coro da Mariña é o proxecto máis complicado que tiven»

José Francisco Alonso Quelle
j. alonso RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

MARTINA MISER

A agrupación actúa hoxe ás 20.30 horas no Teatro de Ribadeo, cun repertorio sorprendente

09 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Coro da Mariña volta hoxe aos escenarios. Será ás 20.30 horas, no Teatro de Ribadeo, cando interprete, coma sempre, un máis que suxerinte repertorio no que caben dende pezas de Manolo Tena a Silvio Rodríguez. Van dous anos dende que Ugía Pedreira e Pierrot Rouguier o puxeran en marcha. Ugía ten un oco feito no panorama artístico galego. Por iso a súa valoración ten todo un peso engadido, cando di que para Pierrot Rougier e para ela foi o proxecto máis complicado que teñen afrontado, pero tamén moi enriquecedor.

«Partiamos de cero, cun grupo de xente entusiasta á que lle gusta cantar, e tivemos que facer moitos arranxos. Está sendo unha actividade moi enriquecedora. No coro hai xente de moitos estilos de vida, de oficios diferentes, de nivel intelectual, de todo... desde Viveiro hasta Vegadeo e Tapia. É unha actividade na que se produce unha retroalimentación, entre o que nós aportamos coa nosa experiencia e coñecemento e eles coa súa dispoñibilidade. É todo moi positivo e das experiencias más complicadas que teño feito», explica.

-¿E satisfeitos co resultado?

-Si, porque non entendemos que haxa un resultado como obxectivo. Este é un proceso. A través do canto créase unha comunidade de xente interesada nun estilo de vida distinto, onde a música conéctate con outros saberes, con outras persoas, e te forma e educa. Todo artista sabe cando non fai un concerto perfecto, e ás veces as cousas saen mellor ou peor, pero todo é parte integral do feito de traballar valores como o respecto ou a xenerosidade, cando se comunican unhas persoas coas outras.

-Son sobre trinta integrantes. ¿Teñen un máximo pensado?

-Non. De todos os xeitos, vai entrando e saíndo xente dun xeito natural. Hai quen son solistas e o coro non é o ideal para eles, para facerse ver. A forma coral é moi elástica, humilde, xenerosa, e para un solista non é o axeitado.

-Quizais pensen en dar o paso de gravar algo.

-Estivémolo pensando, pero dous anos para crear un coro, tendo en conta que acostumamos a ensaiar un día á semana, non é nada. Pierrot e eu temos un pequeno estudo de gravación en Serantes e témolo falado. Quizais. Sería un produto da casa.