Letra Feminina. 17 maio

Estíbaliz Veiga ARRIBA O PANO!

A MARIÑA

17 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A miña relación con Galicia e a opción pola lingua é unha historia de amor», declaraba Mª Victoria Moreno, en 1993, no congreso Poetas Alófonos en Lingua Galega.

A... Brétema, arroutada, aperta, ledicia, morriña, ruliña, saudade, trapallada,..

A nosa riqueza lingüística. Como estrañar cunha musicalidade de quen aloumiña.

Unha lingua feminina, unhas letras (as galegas ) que utilizan cen palabras para se referir á choiva.

Este ano o 17 de maio adícase a unha extremeña que namora dende os seus 22 anos do galego, utilizándoo para os seus contos de animais, coas palabras que Alfonso X, O Sabio xa sabía usar polo segunda metade do século XIII. O mesmo galego da ribadense Luz

Pozo Garza que é, di Rosario Álvarez da USC, «voz ilustre na nosa poesía desde a publicación do seu poemario, O paxaro na boca (1952), Xistral».

O mesmo galego de Padrón da sombra que asombraba da gran Rosalía e o mesmo galego coruñés da poetisa Olga Patiño no presente apertándonos a alma nos «tempos en desuso».

Elas son algunhas das moitas que veneramos o idioma que nos fai ter armas literarias, forza na fala, e arte nas miradas.

Se escoito a un alumno que non sabe cal é a vista dos meus ollos , sinto mágoa porque non hai nada máis bonito que falarlle ás «estreliñas que brilan e ó vento que zoa» na aldea que te veu medrar.

Nada tan fermoso como ser a picariña mollándose co barruzo na Mariña, forte como sesearlle ó «jholpe de mar» en Sta. Mariña de Malpica. Non hai nada como cantar a un amante sobre as ondas do mar de Vigo.

As palabras non teñen poder por si soas, téñeno cando soan.

Feliz día das nosas LETRAS.

Estíbaliz Veiga é actriz.