«Que nos veña relevo e siga a singladura outros 30 anos»

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Antonia Baño, presidenta da Coral Polifónica de Burela

12 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Antonia Baño (Xove, 1950) tivo o privilexio de ver nacer a Coral Polifónica de Burela e vela medrar ata convertirse na coral que é hoxe. En directivas anteriores foi vogal e presidenta e na actual xunta volveu a levar de novo as rendas. Nesta última etapa suma sete anos na presidencia da entidade. É voz soprano da coral.

-Que participación feminina e masculina hai na coral?

-Nas dúas cordas, mulleres somos aproximadamente 16 e homes, 12 ou 13. Máis ou menos, estamos igualados.

-De onde son os compoñentes?

-Burela, Xove, Foz e Barreiros.

-Lembra o primeiro concerto?

-Como non me vou lembrar dun evento tan importante! Son unha das fundadoras. Ese primeiro concerto fora o 21 de maio de 1988 no antigo Cine Mon de Burela, no que actuamos ante o público polo Día das Letras Galegas. Animámonos un grupo de persoas ás que nos gustaba cantar, facer algo distinto. Encontramos un director, que foi o primeiro: Secundino Rodríguez. Fixo unha labor moi encomiable porque case ninguén sabía interpretar daquela unha partitura. Despois viñeron Higinio Pérez Bustabad, Delio Represas e Felipe Sánchez, que estivo ata finais de 2017 e aínda nos dirixiu algo este ano. Agora está con nós Iván Vale.

-Como espera doutros 30 anos?

-Non sei como van ser, espero que sexan como estes 30 anteriores, que nos veña relevo e a singladura outros 30 anos. Non o vou ver pero gustaríame que fora así. Témoslle moito cariño á coral. Houbo momentos bos, algunha espiña tamén pero menos. Houbo moita harmonía, todo o mundo arrimou o ombro en omentos bos e malos. Os máis difíciles son cando hai que deixar xente polo camiño, porque conviviches con ela e porque son xa como a túa familia.

-Non ve Burela sen a coral.

-Non, xa non se entende Burela sen a súa coral.