«A Biblioteca de Estudos Viveirenses está dedicada á memoria de meu pai»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

SANDRA ALONSO

Mañá preséntase no Conservatorio de Viveiro o seu libro sobre «Pla Zubiri»

20 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai moito nestas páxinas falabamos da obra Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte que recentemente presentaba en Ribadeo o viveirense Emilio Xosé Ínsua López. De novo, toca falar del e dos seus traballos a través do volume O escritor viveirense Xoán Pla Zubiri (1874-1936) que dará a coñecer mañá, sábado, en Viveiro (19.00 horas, sala de usos múltiples do Conservatorio Profesiona de Música)

-Fálenos sobre Xoán Pla Zubiri, de Viveiro. Quen era?

-Xoán Pla Zubiri, que naceu en 1874 e morreu en Manresa en abril de 1936, foi membro dunha familia moi relevante no Viveiro do seu tempo, á que pertenceron, por exemplo, o seu tío e padriño Florencio Pla Sampedro, que foi alcalde da nosa vila durante o

reinado de Amadeo de Savoia; o seu propio pai, Juan Pla Sampedro, que exerceu como xuíz; o seu irmán José Pla Zubiri, que ademais de ser boticario animou o semanario El Vivariense e mesmo o seu sobriño Xoán Xosé Pla, de ideas galeguistas, que tivo un

destacado papel na Resistencia francesa contra a ocupación nazi.

Xoán Pla foi, profesionalmente falando, rexistrador da propiedade e pasou boa parte da súa vida en Trives, onde casou con Estrella Cortiñas e tivo catro fillos. Logo andou por outros destinos como Xixona, Igualada e Manresa. Mais o importante é que desde moi cedo sentiu vocación literaria. Comezou publicando contos e poemas na prensa local de Viveiro, colaborou logo en revistas como Galicia Moderna de Pontevedra, A Nosa Terra, Vida Gallega, etc. E publicou dous libros, o longo poema narrativo A tola de Covas (1917) e a novela breve Desengano (1926), que apareceu dentro da colección Lar que animaban na Coruña Leandro Carré e Ánxel Casal. Neses dous libros a Terra de Viveiro, e máis concretamente Covas e Celeiro, cobran un grande protagonismo.

-Por que se animou a escribir este libro sobre Xoán Pla?

-En primeiro termo, para inaugurar unha Biblioteca de Estudos Viveirenses dedicada á memoria de meu pai, falecido en outubro de 2016, Emilio Antonio Ínsua García, como un xeito de honrar un home tan bo e tan sacrificado que sempre foi para min o lector

máis entusiasta e a palabra de alento máis cálida. Nesa Biblioteca, que pago do meu propio peto, penso ir dando a coñecer diversos traballos sobre historia, cultura e literatura relacionada coa nosa bisbarra, dando continuidade aos que xa levo feito e publicado, ben en libro, ben nas páxinas do Heraldo. En segundo lugar, parecíame que a figura de Pla Zubiri merecía un pouco máis de atención nunha vila como a nosa, que presume de longa e rica historia. Para posibilitar

que haxa esa atención a unha parte irrenunciable do noso patrimonio literario e cultural, considerei importante rescatar e poñer ao alcance a súa obra e estudala ademais no contexto da literatura do seu tempo, para que se poida entender e valorar mellor.

-Era un persoeiro descoñecido?

-O primeiro centenario da publicación de A tola de Covas, que foi no 2017, pasou desapercibido, e non só en Viveiro. Apenas hai bibliografía ou estudos académicos sobre Xoán Pla e, como xa dixen, resultaba moi difícil acceder aos seus dous libros editados. En certo sentido, o meu traballo repara todo ese esquecemento e esa indolencia e agardo que dea pé a un maior recoñecemento e interese sobre este autor viveirense.

-Tamén afondou en figuras como Maruja Mallo, os irmáns Villar Ponte... Sentía a necesidade de rescatar as súas traxectorias.

-Por desgraza, somos un pobo moi pouco coñecedor do noso pasado e faise imprescindible estudalo e, sobre todo, divulgalo. Non se ama, di o adagio, o que non se coñece. Baixo esa premisa os que nos dedicamos á investigación e ao ensaio procuramos iluminar vidas, feitos, etapas que van quedando atrás, nunha zona de sombra, cando paga a pena coñecelas polo moito que nos aportan e ensinan para entender de onde vimos e quen somos. No caso concreto de Pla Zubiri, por exemplo, paréceme todo un privilexio para unha vila como Viveiro poder presumir de ter un autor con dous libros dedicados a retratar o ambiente mariñeiro, as romarías e a paisaxe de comezos do século XX. Aínda que carecese de valor literario, que non é o caso, ten de seu un valor testemuñal impagable.

-Cantos persoeiros viveirenses quedan aínda por estudar, coñecer máis a fondo e divulgar?

-Pois moitos máis dos que se pensa, sobre todo na perspectiva (que é a que anima a Biblioteca de Estudos que inauguro) de tornar accesible a súa produción textual ou artística. Os séculos XIX e XX viveirenses dan unha canteira moi rica e variada para

seguir extraendo materiais e ampliando o meritorio labor de figuras como Donapetry, Chao Espina, etc., sen o que non teriamos nin sequera as mínimas «pistas» para poder avanzar novos coñecementos.

«Parecíame que a figura de Zubiri merecía un pouco máis de atención»

«Na biblioteca, que pago do meu peto, penso dar a coñecer figuras do pasado»