«Intentamos ser mellores pescadores aprendendo uns dos outros»

María Cuadrado Fernández
M. CUADRADO FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

Xa hai máis de 170 inscritos de diferentes rexións nas xornadas de pesca de Foz

11 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Charlas, probas prácticas, saídas de pesca... Dun amplo programa de actividades disfrutarán os máis de 170 comensais e 72 pescadores xa inscritos nas segundas Xornadas de Pesca con Señuelos que se celebrarán en Foz os vindeiros días 14 e 15. Tralo éxito o ano pasado da primeira edición, a vila mariñana converterase novamente nun lugar de referencia a nivel nacional do deporte náutico. Alberto Burundarena é o presidente da asociación A Ribeira, que organiza esta actividade na que todos os actos son gratuitos e abertos ao público, excepto as comidas, que si precisan de inscripción previa. Destaca a axuda de Michel, xerente da tenda Kukadas-Foz e o apoio do Concello, da ACIA-CCA e da Deputación, ademais do asesoramento dos ponentes e colaboradores do equipo de pescadores Fiiish de España e de El Pez Rosa.

-¿De onde proceden os participantes?

-De toda A Mariña, de Santiago, A Coruña, O Barco de Valdeorras, moitos de Asturias, de Cantabria...

-¿En que radica o éxito das xornadas para espertar o interese de participantes de tantas rexións?

-Publicítase co boca a boca, polas redes... Os técnicos que veñen impartir as ponencias son profesonais moi coñecidos a nivel nacional e internacional. Tres deles estiveron recentemente aprendendo cousas novas en Xapón, cuna da pesca do calamar.

-¿Está de moda a pesca deportiva?

-A pesca deportiva ten moito tirón e a nosa costa é un lugar ideal para practicala. É tranquila. Xa lle chamaban os vellos o mar de Deus. Gozamos de boas condicións, mellores que outras zonas de Galicia. Ademais, deste tipo de eventos fanse poucos, moi contados pola nosa zona.

-A celebración destas xornadas dálle proxección a un pobo coma Foz...

-É un plus engadido a outras moitas cousas. Foz ten un gran potencial en materia de pesca deportiva, que se pode practicar todo o ano. Ademais, este tipo de iniciativas de formación non son habituais.

-¿Cal é o principal obxectivo desta actividade?

-Aquí non se vai vender nada, non é unha exposición. O obxectivo é coñecerse, para estar en contacto. Non é un evento para pescar, é un evento para coñecer a outros pescadores. Intentamos ser mellores pescadores aprendendo uns dos outros.