«Cando falamos de cancro, na Mariña hai bastante xente preocupada polo radón»

María Cuadrado Fernández
MARÍA CUADRADO BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

Victoria Guevara

Carmen Rubiños, psicóloga e psicooncóloga da AECC, disertará o día 7 en Barreiros sobre o impacto emocional do diagnóstico oncolóxico

03 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación Española Contra el Cáncer (AECC) conta desde hai semanas cun local na antiga praza de abastos de Burela, na Praza da Mariña. Desde este punto atenden a toda a comarca da Mariña. A psicóloga e psicooncóloga da AECC, Carmen Rubiños López, presta servizo neste punto, ademais de participar en conferencias e actos informativos por outros municipios. Xa estivo presente en sendas charlas en Lourenzá e en Foz, e o vindeiro sábado 7 disertará sobre o impacto emocional do diagnóstico oncolóxico no centro sociocultural de San Cosme de Barreiros, nun acto aberto ao público que terá lugar ás 18.00 horas. Non será o último, desde a AECC xa anuncian a organización de novas actividades por toda a comarca para dar a coñecer o servizo de atención psicolóxica para enfermos e familiares.

?¿Como planifican as actividades?

?Eu acostumo a preguntarlle á persoa que me solicita a actividade que tipo de información demanda máis a xente. Hai lugares nos que están preocupados polo radón, outros polo sol.... Na charla do sábado en Foz fixen fincapé no cancro de colon. E despois de cada charla, os asistentes preguntan como abordar casos concretos. Pola experiencia que vou tendo, creo que os mariñanos necesitaban este servizo.

?Fala da incidencia do gas radón, ¿é un asunto que lle preocupa aos mariñanos?

?A xente pide información como medida preventiva. É unha cousa que me alegra moito porque é algo aínda bastante descoñecido sobre o que me apetece afondar. Sobre o radón houbo certa difusión a través da Universidade de Santiago (USC). A xente leu informacións e veu que existía certa relación co cancro. En Galicia, pola nosa xeografía, hai alta incidencia, e a xente pregunta.

?¿E que lles recomenda vostede?

?Os consellos poden ser varios. Primeiro hai que saber cal é a incidencia do radón nos fogares. A USC ten medidores de radón. Ademais, como media primaria e preventiva, e ante a sospeita da presenza do gas nas casas, aconséllolles que aireen moito as vivendas, de forma que corra o aire.

?¿Con que tipo de cancro se asocia máis o radón?

?Co de pulmón. Cando falamos de cancro, na Mariña hai bastante xente preocupada polo gas radón.

?As Xornadas Sanitarias de Barreiros, que comezarán o venres 6, abordarán varios asuntos, desde a importancia de coidar a alimentación, os coidados no fogar coa quimioterapia... É importante abordar a enfermidade no seu conxunto.

?Cando falamos do cancro é necesario abordar a prevención, o día a día da enfermidade, o impacto emocional,... É realmente unha das formas que temos de loitar e traballar contra esta enfemidade.

?¿Que consellos dá ao paciente e á familia para afrontar emocionalmente o diagnóstico oncolóxico?

?Cando xa aparece a enfermidade, temos que saber que podemos facer, que podemos aportar como sociedade. As recomendacións nunca deben ser xerais, cada caso vai plantexar a súa necesidade. Hai persoas que non queren falar e outras si. As perspectivas teñen que estar enfocadas ao que esa persoa necesite. Debemos ser unha fonte de axuda para o paciente e para o familiar. É moi importante saber escoitar e tamén respectar a aquelas persoas que deciden non falar.

?Como especialista na materia, ¿como valora a importancia do acompañamento ao enfermo ou enferma?

?É fundamental. Ante calquera situación difícil da nosa vida sempre buscamos o acompañamento, aínda que despois tamén necesitemos certa intimidade. Sempre buscamos a alguén que nos poda escoitar.

?¿Que opina das redes de voluntarios que se organizan para acompañar ao enfermo a consultas, nas súas estancias no hospital...?

?A figura do voluntario é unha figura moi importante. A persoa que decide regalar o seu tempo é importante, pero sí faría un inciso: esas persoas deben estar formadas. O persoal tense que dar conta que un caso lle está afectando tamén a el. Trátase de que o voluntario dea un acompañamento, pero que el saiba tamén como coidarse.

?¿Cales son os obxectivos da AECC á hora de abrir este local na Mariña?

?O obxectivo é dar os mesmos servicios que prestamos en Lugo, desde actividades de prevención ata terapias de deshabituación tabáquica para grupos ou atención psicolóxica ás persoas que están pasando pola enfermidade e tamén a familiares que están nun proceso de duelo. Todo o poden atopar aquí, no noso local, de forma gratuita. Non fai falta ser socio. A oficina abre os luns e os martes, de 8.30 a 13.30 horas e de 16 a 19 horas, e os mércores, de 8.30 a 12.30. Por agora a asociación decidiu prestar servizo vinte horas semanais, a ver como funciona, pero eu, pola experiencia destes tempos, creo que vai ter bastante demanda. As asociacións que funcionan na Mariña son moi dinámicas e prestan moita axuda. Quizais o que veña a aportar a Asociación Española Contra el Cáner é o servizo da atención psicolóxica.