Un grande salto adiante en Ribadeo

Fernando Suárez FORO PÚBLICO

A MARIÑA

J. ALONSO

25 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi este venres á tardiña. Día inusual para a celebración dun Pleno en Ribadeo aínda que hai que recoñecer que o asunto que se someteu a estudo e aprobación tampouco era ordinario. Tratábase da posibilidade de artellar unha solución posible, legal, eficaz e eficiente para o funcionamento do novo Centro de Atención a Persoas Maiores de Ribadeo.

Despois de que en decembro do pasado ano conseguísemos rematar a construción e máis o equipamento do edificio, desde o Concello de Ribadeo estivemos entregados plenamente á procura dunha solución satisfactoria que puidese cumprir os obxectivos que desde o inicio nos marcamos para a nosa nova Residencia: Que fose preferentemente para a xente do noso concello e que fose a uns prezos asumíbeis, tendo en conta as pensións escasas as máis das veces dos nosos maiores.

Atopamos un camiño, unha idea, un xeito posible de tecer lazos institucionais e administrativos co outro grande ente que leva estes últimos anos axudando moito a Ribadeo, isto é, a Deputación de Lugo. Con diálogo, con intercambio de impresións, coas nobres e leais aportacións dos técnicos municipais que se foron fundindo coas dos outros concellos participantes e cos da propia institución provincial ao longo destas últimas semanas, fixeron que nós, os representantes políticos dos veciños, atopásemos un modo de actuación en canto á cooperación estable coa Deputación, desde o respecto á autonomía municipal (por canto somos os Concellos quen temos esta competencia confirmada polas últimas modificacións normativas), pero co soporte técnico e económico do ente provincial.

O Pleno Extraordinario celebrado este venres foi tamén outro punto de inflexión moi positivo para a veciñanza. Sabedores de que moitas veces existen lexítimas discrepancias políticas entre os diferentes grupos da corporación, desta volta (como outras veces neste pasado inmediato municipal), todas e todos, goberno e oposición estivemos á altura do que a veciñanza puidera agardar dos seus representantes políticos, e consecuentemente votamos unanimemente a favor do Convenio marco entre o noso Concello e máis a Deputación para a xestión da nova Residencia de Maiores.

Nestas vindeiras semanas teremos que seguir a traballar intensamente para rematar de elaborar os regulamentos de acceso, as tarifas, o convenio específico e toda canta outra documentación se requira nesta fase. E con todo isto, deberemos ir á Xunta de Galicia para que nos outorgue esa simple pero importante autorización de funcionamento para poder arrincar canto antes, agora que xa temos resolta a cuestión do financiamento e o edificio rematado e preparado para funcionar.

Pero tampouco nos podemos esquecer da outra Residencia que xa temos, o Hospital-Asilo de San Sebastián e San Lázaro, rexido pola congregación relixiosa “Marta e María” que día a día coa súa abnegada dedicación e a do seu persoal fan que os seus usuarios e usuarias pasen dignamente os derradeiros anos das súas vidas. Temos que continuar neste ano coas operacións de remozado e adaptacións técnicas que require ese edificio que data de finais do século XIX e que quizais non teña todas as comodides dun moderno pero que unha vez adaptado estará á altura de calquera outro novo. Cómpre neste caso que a Xunta, á que non se lle pide axuda económica algunha, non poña obstáculos para permitir a súa adaptación e modernización e outorgue sen demoras (como no caso da nova residencia) a autorización pertinente. Ribadeo poderá dobrar o seu número de prazas residenciais con estes dous inmobles a pleno funcionamento.

Como se pode ver, queda aínda camiño, certo, pero cada vez máis curto. Do que dende logo si debemos enorgullecernos é da boa disposición da Corporación Municipal para dar cumprida resposta a estes desafíos para maior honra dos nosos maiores. Ben o merecen. Agardo que así sexa e nada se torza. Parabéns a todos e todas os que directa e indirectamente fixestes isto posíbel. Seguimos.