«Se non fallamos máis temos moitas opcións de ascender a Terceira»

j. a. / d. g. RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

FOTO MIGUEL

Santiago García Fernández, «Santi» Aos 31 anos, un referente no Ribadeo FC, vese nun momento de madurez no xogo: «Agora son máis reflexivo e sacrificado»

16 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Que a veteranía é un grado non se discute. Santiago García Fernández, Santi, aos seus 31 anos, conserva o entusiasmo dun rapaz: «Eu xogo se hai un obxectivo, o ascenso, o que sexa. E no Ribadeo, sempre cando empeza a temporada saímos con esa meta. Gústame ter unha motivación», di. Pero tamén ten o pouso que dan os anos: «Antes era máis temperamental. Agora son máis reflexivo». É un dos xogadores que dan e poñen a cara polo Ribadeo FC. Tamén dos máis queridos e valorados pola afección. No tramo decisivo da liga, Santi non pon panos quentes: «Se gañamos os partidos que nos quedan teremos opcións de ascender a Terceira. É difícil, pero podémolo conseguir».

De neno formouse no Barres e no Tapia, de onde deu o salto, no último ano como xuvenil, a Oviedo. Volveu a Tapia, xa co equipo sénior e chegou a xogar na Terceira asturiana. Despois ficharía polo Ribadeo, xogando en Preferente, dous anos en Terceira (nun deles destacando como goleador, con 14 tantos), e nas dúas últimas campañas, de novo en Preferente.

-Mudou o seu xogo?

-Sempre xoguei de centrocampista e mediapunta. Algunha vez puntual de dianteiro, tamén na banda esquerda, pero onde me movo mellor é na mediapunta. Penso que agora son máis maduro e máis sacrificado. Antes era máis temperamental e corría menos. Cos anos ves o fútbol de outro xeito.

-Está no seu mellor momento?

-Síntome moi ben. A ano pasado foi máis complicado porque sufrín unha rotura de fibras da que non me recuperei ben.

-Mellor que o Santi de Terceira co Ribadeo?

-Non sei. O ano dos 14 goles estaba na idade perfecta e entrábame todo. Penso que agora son máis intelixente xogando. Aínda que quizais non luza tanto a nivel de goles, a contribución global ao equipo é boa.

-Vese un Santi menos goleador. Pésalle?

-Xa sei que isto é un tópico, pero é a realidade: a min o que me importa é gañar. Se marco, mellor, pero o importante é gañar e xogar ben. E si contribúo a iso, doume por satisfeito.

-A veteranía é un grado?

-Os equipos que están arriba teñen unha mestura de veteranía e xuventude. É difícil que un equipo con unha media de idade, por exemplo, de 25 anos, aguante arriba. Nos temos esa mestura, xente nova e xente veterana, de máis de trinta anos como Rafa, Isma, Cube, Marcos Peña... que veñen de volta.

-Vostede é mestre de educación física en Pontevedra. Ten que vir a Ribadeo cada fin de semana para xogar. Pensou en deixalo?

-Non. Certo que hai días adestrando, chovendo, con frío, que pásache pola cabeza aquilo de que mellor estaba na casa, pero deixalo non. Nunca.

-E vese xogando moitos anos?

-Si. Encántame o fútbol, pero son moi competitivo e cando vexa que non podo dar o nivel sen dúbida que o deixarei. Cada ano que empeza sempre quero superarme, mellorar no xogo, e cando perda esa ilusión xa non merecerá a pena seguir.

-Agora nunha Preferente que é moi competitiva.

-Creo que hai equipos moi bos. O Polvorín sobre todo, porque ten unhas condicións de equipo semiprofesional, con xente que adestra mañá e tarde. Despois están As Pontes, con xente da zona con moita experiencia, O Paiosaco...

-Aguantarían en Terceira?

-Aguantar non sei, pero competir coas plantillas actuais seguro que si. O Ribadeo podería facelo perfectamente.

-Subirá o Ribadeo?

-O Polvorín non vai fallar. Despois están O Castro, As Pontes, O Paiosaco, que baixou o nivel... Se non fallamos podemos chegar á segunda praza e ascender, pero é difícil. Temos ilusión. Miramos pola segunda praza.

-Magoa os tropezos inesperados.

-Son ciclos que nunca esperas. De sete partidos perdidos, seis perdemos contra os últimos clasificados.