Mondoñedo reduce a débeda de 1.400.765 euros a 774.000

L.P. MONDOÑEDO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Elena Candia destaca que se logrou en dous anos e medio

13 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Mondoñedo, que dirixe a popular Elena Candia, reduciu á metade a débeda por préstamos bancarios e con institucións en tan só dous anos e medio. O equipo de goberno destaca, desde o departamento de Economía que dirixe Ángeles Rodríguez, o labor que se está a levar a cabo para minguar o endebedamento nas contas municipais.

Desde o goberno local precisan que a liquidación presentada a 28 de febreiro reflectía unha porcentaxe de débeda viva dun 29 por cento. «Así, as obrigas por préstamos reducíronse nun 55,25%, de maneira que agora a débeda se sitúa no 44,74% da que había antes. Isto faise mentres o goberno local amplía servizos e intenta atender as demandas das asociacións e principais eventos que se

desenvolven no Concello», destaca a rexedora mindoniense.

Préstamo coa Deputación

Elena Candia continuaba sinalando onte: «Á marxe das facturas ás que fai fronte o goberno local, á devolución de subvencións e execución de sentencias que estaban pendentes; o goberno local tiña obrigas por préstamos por valor de 1.354.950,81 euros, máis 33.000 euros que adebedaba á Deputación, e 12.815,5 euros doutro préstamo cunha entidade bancaria; o que suma un total de 1.400.765,5 euros. Tras pagar parte desa débeda, o Concello de Mondoñedo ten pendente 774.000 euros, a metade do que debía hai dous anos e medio exactamente».

Tamén explica finalmente a alcaldesa que «o préstamo de 33.000 euros coa Deputación Provincial foi aboado en tres cotas de 11.000 euros e o de 12.815,5 en dúas cotas, de 6.453,88 e 6.361,62 euros», conclúe.