Un retallo poético de Méndez San Julián

Eduardo Gutiérrez, Cronista Oficial de Ribadeo OPINIÓN

A MARIÑA

12 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai moito tempo, publicamos nestas mesmas páxinas un traballo sobre o ribadense Vicente Alvarez Miranda, quen como é sabido, ten unha praciña dedicada en Ribadeo, do mesmo xeito que outras moitas figuras destacadas, entre eles Fernando Méndez San Julián, do que xa nos ocupamos nalgunha outra ocasión e, entre elas, nun relatorio que organizou a Asociación Atalaia, sobre o labor político desde a Alcaldia, xa que o noso autor ocupou o cargo por un breve período de tempo ?case un ano-, en 1877.

Fernando Méndez San Julián naceu en San Miguel de Mohices, concello de El Franco en 1834, estudou Direito en Oviedo, exerceu de Tenente Fiscal en Ribadeo e morreu nesta vila, onde está soterrado, en 1902. Pouco despois o Concello dou o seu nome á rua do Correo, que era onde vivía. Foi profesor da Escola de Náutica e Presidente do Círculo de Recreo, Como escritor ten unha importante producción e, particularmente a obra Apuntes sobre Ribadeo, un extracto dos libros de actas municipais, desde 1536 a 1883, xunto cun apéndice que estuda o expediente da Colexiata de Santa María. Colaborou en varias publicacións e entre elas La Ilustracion Gallega y Asturiana que, como é sabido dirixiu Manuel Murguía. Tamén no monarquico constitucional (ou sexa alfonsino) El eco de Galicia, fundado e dirixido por Manuel Vázquez de Parga, e editado en Lugo

En 2015, a Deputación de Lugo dou ao prelo unha edición facsimilar dos Apuntes cun sucinto Limiar do actual alcalde, Fernando Suárez Barcia, que fornece o máis salientable dos riscos biográficos do seu antecesor.

Apenas oito versos

Noutros casos de figuras ribadenses, tamén con rúa dedicada, temos percurado e atopado referencias específicas a Ribadeo e comarca, como é o caso de Ubaldo Pasarón y Lastra, en cuxos poemas editados cara 1860 na Habana, aparece a súa vila natal e ademais Castropol, Figueiras e A Veiga, xunto con outras referencias comarcais. Pero non tiñamos noticias de Méndez San Julián como poeta e, por iso, chamou a nosa atención a inclusión dun breve poema seu nada menos que no Album de la Caridad, coa particularidade de que está escrito en francés Aclaremos inicialmente que se trata da edición de 1862 dos Xogos Florais celebradas o ano anterior na Coruña, que inxire un «mosaico» de poemas non só en galego, ainda que a intención era promovelo. O que si constitúe un fito a prol da normalización do galego, foron os Xogos Florais de Tui de 1891, xa en pleno Rexurdimento, mentras que os da Coruña conforman unha iniciativa propia dos Precursores.

O poemiña, apenas oito versos, é unha composición de carácter necroloxico, que mesmo emprega como divisa unha concisa frase en latin do Apocalipse: «Boaventurados os mortos que morren no Señor». Vexamos o texto: «A Elisa / Ainsi que l’hirondelle, / Quand vient l’ hiver s’ en va / Pour trouver, oh ma Belle, / De plus tiédes climats / Toi, qui cherchais la vie / Du printemps eternal, / D’ un vol tu t’es enfuie / Pour ton pays, le ciel». Descoñecemos as miudezas da vida de Méndez San Julián que, iso si, morreu solteiro. Poida ser que a dedicataria existise de certo, ou que fose sinxelamente un motivo literario. No tempo da composición tiña o autor vinte e oito anos.

Resta engadir que o Álbum de la Caridad recolle os textos premiados nos Xogos Frorais da Coruña, pero engade un «Mosaico de nuestros vates gallegos contemporáneos», que elaborou Antonio de la Iglesia. E nese apartado aparece o citado poema, aínda que as condicións líricas de Méndez San Julián, non acadasen a fama no futuro.