«Botar pulsos cos mellores do mundo é unha sensación incrible»

La Voz OUROL / LA VOZ

A MARIÑA

Fran Rodríguez, membro do Club de Lucha de Brazos de Ourol, logró la medalla de bronce en el torneo internacional de Italia

07 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis que pola súa musculatura, Fran Rodríguez impresionou no campionato internacional de pulsos de Italia polo seu estilo. «Se non tes maña e non coñeces ben as técnicas, o músculo vale de pouco», insiste o membro do Club de Lucha de Brazos de Ourol que viaxou a Brescia para tomar parte nun certame «dunha calidade extraordinaria». O deportista mariñán afrontaba o seu primeiro desafío internacional co único obxectivo de «gañar experiencia e gañar algún pulso», pero volveu á casa cunha medalla de bronce que lle soubo «a gloria». «Era un torneo no que había moitos e moi bos participantes, tamén na miña categoría, sénior de menos de 75 kilos. Quedar terceiro era impensable... Fun para aprender, aínda me custa crelo», conta.

-¿Foi moi duro?

-Moito. No primeiro pulso xa tiven que enfrontarme co que remataría cuarto. Foi un pulso tremendamente reñido que se tivo que repetir varias veces por faltas. Os dous aplicamos a mesma técnica e iso fixo que nos desgastáramos bastante. Aínda así puiden chegar con forzas ás derradeiras rondas, nas que me eliminaría un rumano de 21 anos que é campión do mundo júnior.

-¿Sorprendeulle o nivel dos participantes?

-Moito, foi moi superior ao que esperaba. Polo que comentaban alí, este ano o campionato deu un salto de calidade importante. En cada categoría había catro ou cinco competidores de primeirísimo nivel e outros moitos dun nivel moi alto.

-Pulsou coa dereiya e coa esquerda. ¿Como lle quedan a un os brazos despois de tanto esforzo?

-Esta semana necesitarei repouso total. Foron moitos pulsos, todos moi duros e maioría moi largos, e os tendóns reséntense. Co brazo dereito botei oito pulsos e gañei seis, pero ca esquerda non tiven tanta sorte, se ben o sétimo posto que acadei firmaríao cos ollos pechados antes da competición.

-Esta experiencia pódelle resultar moi útil para retos futuros a nivel nacional, ¿non cre?

-Por suposto que si. Poñerte enfronte dos mellores do mudo é mellor maneira de pulir defectos e mellorar a túa técnica, ademais de ser unha sensación incrible.

-¿E que tal a organización? En Ourol vaise celebrar o próximo campionato de España. ¿Quedouse cos detalles?

-A organización foi perfecta, coidan todos os detalles, e xa me encarguei de coller recortes para que no noso campionato de Ourol os competidores se sintan a gusto e se vaian contentos.

-¿Como van os preparativos?

-Temos todo bastante perfilado, pero aínda queda moito que facer. Un campionato destes dá moito traballo, se ben os colaboradores e a xente estanse portando moi ben e iso é un reforzo importante nos ánimos dos que estamos na primeira liña.