«É importante asentar unha base de respecto a colectivos minoritarios»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

Os máis novos póñense na pel dun discapacitado, grazas ao proxecto de Aspanane

22 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Eu = que ti». É o nome do programa que a Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Viveiro (Aspanane) que pon en marcha por segundo ano consecutivo ampliando na última edición a radio de acción dende O Vicedo ata Cervo pero mantendo o público obxectivo: escolares. Marcos Pego Vila (Viveiro, 1983), educador social e técnico coordinador do programa, acompaña a dous usuarios seleccionados previamente aos centros educativos para que os máis novos abran os ollos a outra forma de ver a discapacidade, máis ben chamada diversidade funcional. Con ollos positivos.

-A primeira edición fixérase nos centros viveirenses. Debeu ser exitosa para repetila e extendela.

-Si, fíxose o curso pasado nos seis centros que pertencen ao Concello de Viveiro e este ano ampliamos fronteiras: Xove, O Vicedo e Cervo. Aínda que tamén se vai repetir nos viveirenses, a modo de repaso. Nesta fase fomos ao Pedro Caselles Rollán, ao do Vicedo, esta semana estamos rematando no Número 1 de Cervo e estamos pendentes de fixar calendario no Ceip Cervo. O director deste último comentoume que tiñan traballado temas relacionados pero que isto lles viña ben para complementar.

-Cal é o obxectivo das sesións?

-Rachar cos estereotipos sobre diversidade funcional, deixar de lado as concepcións máis negativas e chegar a comprender este colectivo de forma inclusiva.

-A palabra «discapacidade» aínda se segue a utilizar moito.

-A propia palabra «discapacidade» lévate a pensar cousas que non se poden facer. Preferimos utilizar «diversidade funcional», que significa que hai xente que funciona de forma diferente.

-Que fan para que un alumno se poña na pel dunha persoa con diversidade funcional?

-Hai actividades como por exemplo aprender a facer as cores en linguaxe de signos, que escriban o seu nome en Braille ou que comproben como se pode ver o mundo dende unha cadeira de rodas, indo polo centro e vendo os obstácuos que nos atopamos, se hai ascensor, rampas...

-E... conciéncianse? Esta actividade axuda?

-Si, é algo que lles queda grabado. Bastante. En Xove, por exemplo, tivemos unha evaluación posterior e pasado o tempo os rapaces seguen preguntando cousas ou comentron que aprenderan moito sobre discapacidade. É chamativo que o primeiro día, o luns, lles preguntamos que é para eles a discapacidade e che din «persoa que non pode facer algunha cousa» pero o venres xa dan outra definición, cambia totalmente, e é «persoas que teñen dificultade para facer as cousas pero as fan igualmente».

-Cando será o día no que a palabra «discapacidade» deixe de utilizarse como a usamos hoxe.

-Aínda queda moito. Pero si que hai 20 ou 30 anos había termos que hoxe son case un insulto, pero pouco a pouco vaise avanzando.

-En relación con este traballo cos máis novos, cre que é máis fácil chegar a un cambio de mentalidade se un é neno, comparado xa coa etapa adulta?

-É máis fácil na etapa nova de idade porque os nenos están formando os seus valores éticos e morais e é importante asentar unha base de respecto, tolerancia e inclusión hacia colectivos minoritarios. Dámonos de conta de que os máis pequenos, de infantil e primaria, aínda non teñen os estereotipos e prexuízos formados, é como unha mente máis baleira nese sentido. Os nenos, penso, non teñen a chamada «mala imaxe» que temos os adultos sobre a discapaciade.

-Que sería o que máis valora do traballo que está a realizar, non xa so cos nenos senon en xeneral en Aspanane?

-Traballar con xente moi agradecida que pon moito esforzo e a alegría no día a día para conseguir mellorar.