O colapso dos xulgados de Viveiro é inminente, no só pola folga

Funcionarias e funcionarios xudiciais

A MARIÑA

22 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

As competencias xudiciais asumidas pola nosa autonomía xestiónanse desde a rimbombante Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Está claro no organigrama deste departamento cal é a prioridade do seu titular: en primeiro lugar, vicepresidente. Despois, conselleiro da Presidencia. A continuación, as Administracións Públicas. E por último, agora si, a Xustiza.

Nos xulgados de Viveiro non entendemos a promoción estereotipada que o Goberno galego está a facer do funcionariado. Non deixa de resultar curioso que uns preguiceiros coma nós, que sempre estamos tomando café, poidamos provocar este caos simplemente por deixar de acudir ao noso posto de traballo durante dúas semanas escasas. Ao mellor é que traballamos o dobre do que se di e cobramos a metade do que se pensa.

Dóennos especialmente algunhas opinións dunha minoría vinculada ao sector privado. Adoitan tratarnos de privilexiados, pero moitas destas persoas viven de subvencións ou incluso cobran directamente das institucións públicas cantidades periódicas nunha cuantía moi superior ás nosas retribucións. Parece que desde algúns colectivos se pon máis interese en torpedear as posibles melloras doutros ca en reclamar os dereitos propios. Trátase dun mal social no que non se busca o progreso particular senón o retroceso alleo.

A nosa intención non é prexudicar a cidadanía. Nós tamén estamos dispostos a ceder, claro que si, pero non imos aceptar argumentos mentireiros, terxiversacións, datos falseados e medias verdades. Temos boa vontade e demostrámolo todos os días indo máis alá dos servizos mínimos que nos foron impostos de xeito unilateral. Porque a Xunta obsesionouse con nós, implantando un 40% de asistencia obrigatoria do funcionariado, e non se lembraron de establecer uns servizos mínimos á altura da importancia dos asuntos que tramitamos. Esquecéronse de todos vostedes.

O colapso dos Xulgados de Viveiro é inminente non só polo apoio á folga, senón porque tamén era habitual que o persoal xudicial acudira a traballar varios días á semana fóra do seu horario. Isto era algo que se viña facendo por responsabilidade ou, o que vén sendo o mesmo, por amor á arte. Isto nunca foi valorado nin sufragado pola Xunta a pesar de ser unha consecuencia da excesiva carga de traballo que padecemos. O volume de causas xudiciais está establecida polo Consello Xeral do Poder Xudicial e pódese comprobar nos módulos que son publicados con periodicidade anual por este órgano constitucional. En Viveiro case se duplican estes módulos, é dicir, hai o dobre de traballo do que resulta esixible segundo o CXPX.

A Xunta está intentando desprestixiarnos con maldade, pero o ano pasado o Goberno galego decretou un incremento salarial do 7% para os seus altos cargos (presidente, conselleiros/as, directores/as xerais, etc.), unha suba estratosférica para o persoal político designado a dedo que non tivo ningún outro colectivo da Administración pública.

As traballadoras e traballadores xudiciais estamos cada día máis anoxados pola actitude do Goberno galego, e desde Viveiro ímonos desprazar mañá sábado á manifestación convocada en Santiago de Compostela para berrar ben forte: Non á discriminación laboral na Xustiza galega!

Funcionarias e funcionarios xudiciais de Viveiro.