«O fútbol é marabilloso, é a posibilidade de lograr algo imposible»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

A MARIÑA

PALACIOS

Lembra que chegou ao deporte profesional polo esforzo, sen ter destacado de rapaz

19 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A vida deportiva de Francisco Corredoira semellábase á doutros moitos rapaces. Xogaba no Rácing Vilalbés, co que ascendera de Preferente a Terceira División; fichou polo Compostela B, co que podía compaxinar mellor o deporte coa carreira universitaria... Pero chegou o novo século, e cambioulle a vida dunha maneira que non tería marcha atrás e que marcaría os anos seguintes.

Debutou co primeiro equipo do Compostela, no que coincidiu con Vlado Gudelj, con Fabiano Soares ou con Nacho, que coñeceran o mundo da Primeira División. «Para min, imaxina, o cambio é brutal: de xogar para pasar o tempo ao profesionalismo. Cámbiache a vida; tes que priorizar: escollín o fútbol», di. Nese novo mundo coñeceu os sabores amargos e doces do fútbol, pois o Compostela baixou a Segunda B e volveu subir. No mesmo grupo da promoción de ascenso estaba o filial do Barcelona, que daquela tiña rapaces prometedores: Andrés Iniesta, Tiago Mota ou Víctor Valdés eran algúns deles.

As satisfaccións deportivas, porén, convivían co duro contraste das dificultades económicas: os xogadores pasaron unha temporada sen cobrar, e malia iso conseguiron rematar a liga no sétimo posto. Corredoira deixou Galicia. O Eibar -onde coincidiu con David Silva, hoxe no Manchester City, e con Gorka Iraizoz, hoxe no Girona, entre outros- foi o seu seguinte destino; logo chegarían o Numancia e o Rácing de Ferrol.

-¿Que importa no fútbol? ¿Hai que ter talento ou esforzarse?

-Primeiro tes que ter un don: que Deus che dea algo de talento. Pero o 80% está no teu esforzo diario. Por iso tantos rapaces con talento non chegan arriba. Eu xoguei uns 140 partidos en Segunda División e uns 70 ou 80 en Segunda B. Era un rapaz normal, que a base de esforzo foi chegando arriba. Non fun a ningunha selección galega de categorías inferiores; vivín por e para o fútbol; sacrifiquei a miña vida polo fútbol. Non había outra cousa.

-¿Paga a pena ter feito todo ese esforzo?

-Si, sempre. Son competitivo. Cada día no que me ergo é unha ilusión; hai que vivir o día a día. ¿Como non vou lembrar eses momentos marabillosos, a xente que coñeces, o poder xogar en campos con 40.000 ou 50.000 espectadores? É un recordo para toda a vida.

-¿Que dá o fútbol? Non todos os xogadores teñen vidas de luxo.

-A xente, dende fóra, pensa: ‘Que sorte ten ese: xoga no [Real] Madrid, gaña millóns...’. Eu preguntaríalle: ‘¿Sería vostede capaz de soportar a presión onte, ás nove menos cuarto da noite?’ [A esa hora comezou, o pasado mércores, o partido Real Madrid-PSG da Liga de Campions, e a conversa tivo lugar o xoves]. O fútbol dá personalidade, fortaleza mental; na vida axúdache, porque che permite soportar momentos difíciles con enteireza.

-Tendo en conta só as estatísticas das súas cidades, o Eibar ou Numancia nunca poderían chegar tan arriba. ¿Como se compite nun equipo modesto contra os grandes?

-O fútbol achega máis a competitividade ca outros deportes. Iso fai que sexa tan entretido. A xente veo como un desafío e veo posible.. O fútbol é absolutamente marabilloso; é a posibilidade de lograr algo imposible. Eu non podo competir coa miña empresa contra ACS. Detrás dun equipo modesto hai moitas horas de esforzo, de traballo que non se ve.

«O fútbol dá personalide; na vida axúdache a soportar momentos difíciles»