«O Rei das Tartas era especial»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía MONDOÑEDO / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA POR CARLOS FOLGUEIRA

«Sempre fun feliz», di da etapa que ela pasou xunto a Carlos Folgueira García

15 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Se dicimos Celsa López Fernández (Portomarín, 1944) quizás algúns non se decaten dela. Se falamos de O Rei das Tartas, a cousa cambia. Ela coñeceu nun día de Entroido ao que máis tarde foi o seu home e tamén o mestre reposteiro que tanta sona lle deu á Tarta de Mondoñedo coa que acadou premios internacionais. Imposible esquecer aínda hoxe o seu bigote e o seu porte, como lembra a súa viúva, quen o despedía un 2 de agosto de 1993. Este ano cumpriránse 25 anos do pasamento dun home que pasou o seu título ao seu fillo, Carlos Folgueira López, Rei das Tartas actual.

-Esta semana foron nai e fillo á televisión. Lembra aqueles tempos nos que ían ás cadeas nacionais e míticos programas?

-Teño ido co meu marido, en paz descanse. Eu sempre estaba por detrás, en segundo plano.

-Algunhas veces case pinta máis a «primeira dama» que o «presidente». No seu caso?

-Moi ben. Eu sempre feliz porque el era unha persoa especial, era unha personaxe. O Rei das Tartas non se fixo, naceu. Ninguén cambia así como así... Vaia! A min parécemo. El era marabilloso, un gran pai, un gran marido... Na televisión ben saben como era el. Lembro que nos pasillos do 1, 2, 3... encontramos a Sancho Gracia e díxolle que non tiña que ser reposteiro, que tiña que ser actor. O que temos na confitería [fala das fotos con multitude de famosos] non o ten ninguén. O meu fillo tamén vale.

-Deses encontros con famosos, cóntenos un que lembre agora.

-Pois a min sorprendeume moito o entón Rei de España [Juan Carlos de Borbón] cando viñera a Alúmina Aluminio e lle dixo que o reinado do Rei das Tartas era máis doce que o del...

-Si, porque polo menos no tramo final saíulle algo «amargo»...

-Saíu, saíu...

-Como era o primeiro Rei das Tartas, Carlos Folgueira García?

-El era todo alegría. E iso que o meu fillo é marabilloso, a nora tamén e teño uns netos marabillosos. El estaba orgulloso de que grazas a Deus seguise a tradición o meu fillo. A ver se eles [polos netos] a seguen... Bueno, a nena ten xa 23 anos, xa non é tan nena. Está aquí no negocio con nós, axudando. E gústalle, ten moito o carácter do avó Carlos.

-Como formaba vostede parte deste «equipo» familiar noutros tempos e que fai hoxe?

-O meu marido dedicábase moito a viaxar. Miña sogra, a nai del, ás catro da mañá xa estaba no obrador. Traballaba con 70 anos e rapaces hoxe de 20 non traballan como facía ela. Tiña tamén o mesmo carácter. Eu sempre estaba no obrador, no despacho, atendendo ás tartas. Ao que montou o meu fillo na carretera nacional non vou. Ando no despacho.

-Como eran as ventas antes?

-Aquí cola había sempre.

-Gústalle a tarta, por certo?

-Moito, o que pasa é que non debo... É que teño un pouco de todo [fala da saúde]. Un día non me importa tomala. Hai que tomala de Pascuas en Ramos.

-Aquel bigote grande...

-Cando o coñecín non tiña bigote. Despois tiña un mostacho que nin parecía que era del.