Un ribadense sen acougo: Vicente Álvarez Miranda

Eduardo Gutiérrez

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Non se reparou no seu carácter de precursor moderadamente activo no nacimento galeguista primeiro

14 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos antecedentes da conciencia nacional do noso país, a historiografía refírese á chamada revolta galega de 1846, aquela protagonizada por Antolin Faraldo e que remataria traxicamete na batalla de Cacheiras e os fusilamentos de Carral, en cuxo cemiterio están soterrados os militares que protagonizaron o levantamento, a memoria dos cais perpetúa un emblemático monumento erguido naquela vila, próxima á Coruña. Tais acontecimentos eran moi lembrados polo nacionalismo anterior ao período republicano, e tamén na Galiza emigrada e, ainda que aparecen dados e referencias nas obras de Amor Meilán, Murguía, Tetamancy, Lugrís e outros, foron estudados con fondura e rigor polo profesor Xosé Ramón Barreiro Fernández en 1977.

En vilas e cidades do noso entorno soen gabarse, con razón, das súas importantes figuras históricas nesta materia, ou sexa no galeguismo tanto político como cultural, e ainda que Ribadeo non pode presentar un plantel homologable co de tais lugares, conta con figuras que, sen ser protagonistas, aparecen nalgúns dos fitos que balizan o camiño da nosa historia, e que non se limitan a Segundo Moreno Barcia, por certo homenaxeado hai non moito tempo, coa dedicación dunha rúa. Xa a tiña, hai bastantes anos, outra das figuras importantes como Vicente Alvarez Miranda, ainda que non se reparou no seu carácter de precursor moderadamente activo no nacimento galeguista primeiro. Mesmo hoxe resulta pouco coñecido, pois que o único que soe facerse é repetir unha e outra vez a ficha biográfica elaborada por Francisco Lanza, un traballo meritorio, dabondo plaxiado, porque rara vez se cita, e nunca a procedencia de hipotéticos achados. Engadiremos hoxe algún dato mais dos que recolle Lanza, ou ampliaremos as súas referencias.

Comecemos por sinalar que naceu o 30 de maio de 1815, e non en 1817 como recolle o “Ribadeo antiguo”; quen si naceu ese ano foi un seu irmán Era fillo de Vicente Albarez Montis, tenente coronel, e da súa muller María Pilar Miranda Rodríguez Arango. O avó paterno era oriundo de Elda, en Valencia e os maternos ?Ramón Miranda yMon e María Josefa Rodríguez Mon y Saco--, de Vilaselán.

Ainda que se ten especulado que na deriva cara a milicia, desde o Seminario mindoniense, de Alvarez Miranda fora determinante a influencia do seu parente político, o xeneral Manuel Latre (foi ministro da Guerra en 1837, na Rexencia de Mª Cristina de Borbón e nos ministerios do Conde de Ofalia e o Duque de Frías), convén non esquecer que o seu pai era militar e, tamén, boa parte da familia materna, de xeito destacado Fernando Miranda e Olmdilla e mesmo o neto deste, e derradeiro da liñaxe directa, Adriano Miranda Magdalena, que morreu en 1921.

Deputado por Lugo

Engadamos que foi deputado pola provincia de Lugo, e non por Pontevedra como se lé nalgunhas fontes, e desminte o arquivo do Congreso dos Deputados, xa que figurou na candidatura que encabezaba José Ramón Rodil na lexislatura 1841-1842, e na que fguraban máis militares, algún xa licenciado como o propio ribadense, Di Barreiro, et al, que “non atopaba acougo en ningures” para subliñar a súa fervente biografia. Lanza asegura, e antes Amor Meilán, que colaborou no Diccionario Clásico de Francisco Dominguez e na Enciclopedia de Francisco Mellado. O primeiro foi calificado polo lexicógrafo e académico Manuel Seco como un diccionario romántico, obra dun autor moi avanzado no politico, até o ponto de que morreu moi novo, nunha revolta contra o goberno de Narváez en 1848. As coincidencias co ribadense son evidentes no carácter exaltado do seu rumbo, e nos trasacordos da súa traxectoria vital, ainda que aparecen nela algunhas lagoas e mesmo dados contraditorios. Couceiro Freixomil asegura que a vida axitada, desigual e oscilante refréxase nunha falla de tino, polo que a obra do autor, non pasa do mediocre. Trátase, iso si, dunha produción moi ampla e diversa, fruto dunha vida novelesca, moi na liña da recreación literaria que do esbozo vital de Xoán Manuel Pereiro, fixo Otero Pedrayo en “O señorito da Reboraina”. Da súa vida militar, Emilio González López destaca que lle foi concedida a Cruz Laureada de San Fernando

O vencello de Alvarez Miranda co movimento provincialista que liderou Antolin Faraldo, queda acreditado porque figurou como colaborador en “El Porvenir”, que fundou entre outros Faraldo, e que tamén dirixiu. Tratábase dun semanario que, ao decir de Enrique Santos Gayoso destacou mesmo non só polo contido, senón tamén pola composición tipográfica. Ainda que a revista se subtitulaba órgano da mocedade galega, o ribadense xa tiña dquela 29 anos, e cinco antes xa colaborara do mesmo xeito que outros liberais exaltados en “El Huracán”. Dentro dese ton revolucionario, Barreiro Fernández cita un poema, de calidade mais ben enxoita, que non empece a estofa de outras obras, porque o certo é que abranxe eidos moi variados e dispares, como as profesións que ocupou: militar, periodista, político, profesor de Latin nun instituto de Bilbao e cónsul en Amberes e, finalmente, en Veracruz, aspectos parcialmente agachados, polo de agora.

Pronunciamento contra Espartero

A convulsa vida de Alvarez Miranda non vai á zaga da historia, acelerada, revolta, e cambiante. Con todo, cando se produciron os pronunciamentos de 1843 contra o Rexente Espartero, Alvarez Miranda, pesie ao descontento cara o xeneral xa non estaba en Galiza, polo que non participou na nosa Terra naqueles acontecimentos, que Lanza chama “un gloriso pronunciamiento”, indicando que Lugo e a provincia se sublevaron contra Mendizábal, deixándose levar polos comentarios que facían a este responsable, pola súa popularidade, cando que só era ministro de Facenda no goberno presidido por Alvaro Gómez Becerra. Hoxe sábese efectivamente do decisivo papel que tivo Ribadeo a través do testemuño de Samuel Edwards Widdrington, que entrou en Galiza por Ribadeo: “atopei a vila en estado de pronunciamento, condición compartida por todo o Reino de Galiza”, escrebe o historiador inglés no seu libro “Spain and the Spaniards in 1843” (t.II. p. 151) Quen sí participou naqueles “fastos” foi un parente, Pedro Miranda Miranda, xunto con outras figuras importantes como Francisco Antonio de Bengoechea ou Luciano de Azcárate.

Vicente Alvarez Miranda, non é o único caso biográfico dun ribadense de ideoloxia e militancia liberal, e de vida inqueda, comprometida e, finalmente, infausta. Quizais sexa un seu parente quen ocupe o lugar máis destacado, Fernando Miranda Olmedilla, do que haberá oportunidade de falar en vindeiras datas.

Eduardo Gutiérrez é o cronista oficial de Ribadeo.

Mesmo hoxe resulta pouco coñecido. O único que soe facerse é repetirse a ficha bibiliográfica de Francisco Lanza

Non é o único caso dun ribadense de militancia liberal, de vida inqueda, comprometida e finalmente infausta