«Os nosos fondos están ao servizo da sociedade enteira, son un patrimonio de todos»

r. l. FERROL / LA VOZ

A MARIÑA

05 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Félix Villares Mouteira é o máximo responsable da área de Patrimonio na Diocese de Mondoñedo-Ferrol. Un ámbito no que sempre defendeu o criterio de que o patrimonio eclesiástico pertence á sociedade enteira. Exactamente o mesmo criterio que aplica á fronte dos arquivos da propia diocese e da catedral.

-Máis de 3.000 solicitudes de información cada ano requiren un labor moi intenso.

-Moito. Bastante máis, incluso, do que a xente imaxina. Pero iso é o que hai. Nós somos conscientes de que na documentación que preservamos se conserva unha parte moi importante da memoria desta terra. E é bo que a xente queira coñecer o que hai neles. Nós estamos para axudar, sempre, no que se poida.

-Imaxino que, ademais, serán moitos, tamén, os investigadores que seguen acudindo á diocese á procura da información dos seus arquivos.

-Claro. Veñen moitos investigadores, e tamén persoas que son afeccionadas á historia, e que queren saber máis. Todo o mundo é ben recibido. Nós, como antes dicía, estamos sempre para axudar no que se poida. Os nosos fondos están ao servizo da sociedade enteira, son un patrimonio de todos. E hai xente que leva traballando anos cos nosos fondos, investigadores que xa son coma da casa. Da comarca de Ferrol, por exemplo, que é onde o territorio diocesano ten unha maior concentración de habitantes, vén moitísima xente. De municipios coma Neda, por exemplo.

-No arquivo catedralicio está unha parte moi importante da historia medieval de Galicia. E no caso do arquivo diocesano, ¿desde cando hai documentación?

-Pois mira, no arquivo diocesano xa temos información dalgunhas parroquias desde finais do século XVI, concretamente desde 1590. Nese momento os mandados de Trento xa teñen un eco grande no funcionamento administrativo das parroquias, e empeza a xurdir a documentación que hoxe custodiamos. E o valor diso é inmenso, porque ata 1870 non imos ter rexistros civís, de maneira que a documentación eclesiástica é a fonte fundamental.

«Xa temos información dalgunhas parroquias desde 1590»