Mondoñedo ten ben quen ben lle cante

Fran Bouso O OUTEIRO DE MONDOFORTE

A MARIÑA

07 feb 2018 . Actualizado a las 19:55 h.

San Vicente está nun alto, / Mondoñedo nun baixiño...; Meu Mondoñedo da “ialma”, de Moncho García; Ao subila e ao baixala, / a costa de Mondoñedo; Son de Mondoñedo da Beira do Masma. / Son de Mondoñedo a tarta e o pan. / Son de Mondoñedo feiras das San Lucas, / as mellores cousas todas aquí están, de M. Iglesias. Estas son só algunhas das cancións máis populares que lle teñen composto a Mondoñedo, a máis recente -que se fixera popular e que eu coñeza- é Sempre Mondoñedo, de Carmen R. Lage.

De todos é sabido a gran riqueza musical de Mondoñedo, un patrimonio que ben seguro ten moito que ver coa existencia nalgún tempo dunha capela musical na Catedral da Asunción e tamén coas aulas do Seminario Santa Catarina. Roel del Rio, Santavalla, Pacheco, Veiga, Lodeiro, Castañeda son algúns nomes dos músicos máis destacados da nómina de solfistas mindonienses, pero hai máis, moitos máis.

Se atendemos á música de baile, en Mondoñedo houbo e hai grandes orquestras e grupos que animaban e animan as verbenas: a Principal ou Salsarena siguen enchendo de melodías as festas de aquí e acolá e noutro tempo soaron a Royalti, a Araújo, Los chicos del Jazz... e tamén grupos como Los Trovadores de Mondoñedo, dos que xa temos tratado noutras entregas desta sección ao igual que das bandas de música e os seus integrantes; coros, orfeóns e cegos que cantaban as súas coplas nas feiras acompañados polo violín ou o acordeón forman parte do legado musical da Cidade da Paula.

Hoxe o Outeiro de Mondoforte despídese despois de 99 entregas en dous anos e querémolo facer lembrándonos dun músico, Manuel María Ledo Bermúdez, “O Pallarego” que ten posto música a moitos versos de Cunqueiro para encher de ledicia as celebracións populares mindonienses coma o entroido ou os maios e que naceu nos Muíños tal día coma hoxe hai 119 anos, o 30 de xaneiro de 1899. Manuel Ledo era violinista, barbeiro, mecenas, pedagogo musical, impulsor de rondallas e outras agrupacións musicais. Formouse musicalmente na capela da Catedral e como barbeiro con Zapa e non co Romeiro como se di nalgunhas publicacións que teño lido recentemente nas que se recolle que foi porteiro do Casino -dato errado-, ben seguro por telo confundido con Valentín da Maruxa (Valentín Pérez Díaz), tamén músico e coetáneo do Pallarego ao igual que Antonio González Amieiro, Jesús López Díaz ou Eduardo Pernas (Pibardos).

Manuel exerceu de neno de coro na sé mindoniense desde os nove aos dezaseis anos, momento no que pasa a formar parte da orquestra da catedral como violinista ata o fin da mesma, no ano 1930.

A súa barbería foi un verdadeiro ateneo cultural, lugar de xuntanza da intelectualidade mindoniense da época e academia musical na que impartía clases de corda fretada e pulsada e canto. A súa valía como pedagogo musical levouno a dirixir a escola de música da Fundación Lodeiro Piñeiroa e o seu carácter entregado propiciou que o nomearan presidente da Sociedade de Obreiros no ano 1960. Morreu o 14 de xullo de 1964 e, na actualidade, a escola de música municipal leva o seu nome.