Daniel Vega: «Dedícome á política por vocación, eu teño a miña profesión»

«Teño claro a defensa da Xunta do hospital, eu non rindo pleitesía a un goberno ou a un partido político»

.

ribadeo / la voz

Daniel Vega é o único deputado da Mariña no Pazo do Hórreo. Nado en Arante (Ribadeo), saltou á política autonómica sen pasar antes pola municipal. Formado como traballador na rama agraria (foi empregado na cooperativa Gancobre de Bretoña e en Acruga) acaba de cumprir un ano como deputado e fai balance.

-Foi un ano produtivo para Galicia, e para A Mariña. Seguimos defendendo as infraestruturas, o tecido empresarial e o noso hospital.

-¿Máis en concreto?

-Se falamos de servizos sociais seguimos incrementando as partida orzamentarias para as políticas socias que desenvolve a comunidade autónoma. En sanidade, as obras do hospital seguen avanzando, con novos servizos, na hospitalización a domicilio, oncoloxía... Dende o punto de vista industrial, o anuncio que fixo fai días Armón de construción de novos barcos tradúcese en emprego. Se falamos de turismo, A Mariña segue medrando...

-Pero os contratos de Armón ou que medre o turismo, ¿é consecuencia do goberno do PP?

-No de Armón ten moito que ver o goberno galego, como ten moito que ver da visión turística da comarca e do conxunto de Galicia.

-Falando de infraestruturas: a estrada da costa.

-Fai poucos días puidemos escoitar ao presidente que no 2018 se podería concretar a variante de Viveiro. O goberno autónomo acredita a xestión con feitos: a vía rápida de Xove a Celeiro, o acceso ao porto de Burela, todos os amaños que fan os concellos con cartos que da a Xunta, a mellora asignada á estrada da costa, os proxectos iniciais do corredor de Barreiros a Xove... E co da estrada que vai de Ribadeo a Vegadeo non me poño de perfil: Jaime de Olano e eu estamos traballando para que se mellore.

-Vostede centra moitas das críticas da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña. ¿Como o leva?

-Ben. Teño claro a defensa que fai a Xunta do hospital. Eu non rindo pleitesía nin a un goberno nin a un partido. Teño a miña profesión e me dedico á política por vocación. É certo que a plataforma terá que render pleitesía aos seus, o BNG, o PSOE ou as Mareas. Pero eu defendo ao PP neste asunto porque unha inversión de 20 millóns é crer no hospital, hai 6.000 metros de ampliación, máis habitacións e servizos, e hai unha nova lei que garante a viabilidade e blinda o hospital. Nós non defendemos o hospital de palabra, as obras están aí. Outros aguantan unha pancarta, unha pancarta sindicalista, que obedece a intereses políticos e partidistas.

Teño 34 anos, tiven un accidente, pasei polo hospital e sei o que é a sanidade pública, e sempre defenderei que os médicos e os servizos estean na Mariña. Por iso, a cada insulto da plataforma, nós unha proposta, e a cada falta á verdade, nós imos falar dende o Doga, non con eslóganes.

«Uns aguantan unha pancarta sindicalista, partidista, e outros falamos con feitos»

«Quen gaña as eleccións debería gobernar; non pode haber pactos de perdedores»

«En Burela, a vagancia define o modelo que hai, e en Ribadeo hai un alcalde absolutista»

«O PP ten que gobernar en Viveiro, Burela Ribadeo e en Foz con maioría absoluta»

-Queda pouco máis dun ano para as eleccións municipais. Nas últimas, o PP gañou votos na Mariña, pero salvo Foz non ten as alcaldías dos principais concellos.

-O noso obxectivo e gobernar en todos os concellos. Viveiro ten que ser un obxectivo claro ante a falta de goberno que ten, cun programa para cumprir e transformar Viveiro; en Burela a vagancia é quen define ao modelo que hai, e en Ribadeo confunden os termos. O alcalde ten a maioría absoluta, pero a confunde coa maioría absolutista. A cada proposta que lle chega do PP péchalle as portas. O BNG en Ribadeo non acredita o traballo, que por certo lle sae moi caro aos cidadáns. En Lourenzá a alcaldesa non está lexitimada dende o momento que se suspende un pleno porque non hai cousas que tratar. ¿Qué xestión hai detrás diso? E a Mancomunidade actual é unha vergoña, porque se politiza e non traballa por un obxectivo e beneficio común.

-Insiste na crítica, pero non se molla...

-O obxectivo do PP ten que ser gobernar en Viveiro, Burela, Ribadeo e Foz con maioría. Se non gañamos será porque non o fixemos ben e non presentamos un proxecto ilusionante. Pero de perfil non nos poñeremos.

-¿Será o PP contra todos?

-Xa, pero eu creo que quen gaña as eleccións con claridade ten que gobernar. Non pode haber pacto de perdedores.

-¿Pensa que vai haber sorpresas en algunhas candidaturas?

-Entendo que ten que haber cambios, xuntando experiencia e renovación. O PP ten que presentar candidatos gañadores, con proxectos realistas que transformen as disintas localidades. Non chega con gañar as eleccións, temos que gañalas por maioría absoluta. No PP non estamos como no resto de partidos, en discusión permanente. O PP goza de paz interna e non visualizo ningún problema na elaboración das candidaturas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

Daniel Vega: «Dedícome á política por vocación, eu teño a miña profesión»