«Siguen de moda os disfraces de Spiderman e os de Piratas do Caribe»

María Cuadrado Fernández
M. CUADRADO BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

Pepa Losada

Perona é unha referencia para os máis entroideiros. A do 1990 foi a súa primeira campaña de Carnaval

27 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Carnaval goza de boa saúde na Mariña. E Perona, de Burela, a tenda de disfraces e complementos, está a tope nestas horas previas á cea de coroación do Carnaval de Foz. Así o recoñece Feli García Quelle, copropietaria do negocio xunto coa súa irmá Dolores. Por diante quedan vinte días intensos, marcados pola entrega á festa de Don Carnal.

-O seu negocio é toda unha referencia no Carnaval mariñao. ¿Cantos anos levan coa tenda?

-A tenda abriuse no 1989 pensando na campaña de Reis e fixemos a primeira campaña de Entroido no 1990.

-¿Cambiaron moito os hábitos dos mariñáns á hora de disfrazarse?

-Antes a xente investía máis diñeiro nos traxes. Buscaba traxes de máis calidade e eran máis caros. Agora, a moita xente non lle importa tanto a calidade, aínda que sempre hai a quen lle gusta investir en traxes bos.

-¿Que disfraces están de moda este ano?

-Sempre están de moda os dos personaxes de cine ou os das series. Este ano siguen de moda os disfraces de Spiderman ou os de Los Piratas del Caribe. Tamén os da Patrulla Canina, estes máis para o público infantil, e tamén os de Frozen. De todos xeitos, a xente non deixa de sorprendernos. ¡Ás veces non sabemos por que ten tanto tirón algún dos disfraces que nos piden!

-¿Os seus clientes son previsores comprando ou son máis de comprar a última hora, con présas?

-Salvando as comparsas e os grupos, que teñen todo máis organizado, en xeral son bastante de última hora, de vir nos últimos dez días. Ás veces, a última hora aparécenche sete e dinche: ‘Queremos ir todos igual’.

-¿Quen se disfraza máis, os nenos ou os adultos?

-Temos de todo. Temos pais que queren ir coma os seus bebés, temos matrimonios, temos grupos...

-¿Agotaron algún disfraz?

-Agotáronse algunhas tallas.

-¿E hai algún de moda que non teñan?

-O de Star Wars non o temos. O de boa calidade é moi caro e non temos aquí moito público para el e, para traer o malo, pois non o traemos.

-¿Canto acostuma a gastar a xente nun disfraz?

-Hai de todo, pero podemos dicir que, de forma xeral, duns 35 euros para arriba. Hai xente que gasta moito máis porque lle gusta levar disfraces bos e ir ben complementada. Temos públicos moi diferentes.

-¿Vai o Carnaval a máis na comarca?

-Podemos dicir que a menos non vai a festa. Hai xente que cansa, pero tamén é verdade que aparecen grupos novos.