O iate «Garoa» ten morriña da Mariña

Fran Bouso O OUTEIRO DE MONDOFORTE

A MARIÑA

07 feb 2018 . Actualizado a las 19:55 h.

Se deixamos a un lado a «Piragua saltapoceiras» coa que uns mozos de Mondoñedo se presentaron no desfile de antroido de Foz hai arredor de trinta anos e o barco Muralla de Lugo que a Deputación tivo navegando polas estradas nos últimos anos, a embarcación que máis millas ten percorrido polo interior da provincia de Lugo é o iate «Garoa».

O «Garoa» chegou a Viveiro a finais dos noventa para converterse no buque insignia do turismo mariñán. A oferta de navegación turística na comarca pasaba dunhas lanchas que outrora facían o servizo de transporte de pasaxeiros dunha beira a outra da ría de Ribadeo e que perderan boa parte da súa utilidade coa apertura da Ponte dos Santos a ter un iate equipado coas últimas tecnoloxías audiovisuais e coa posibilidade de servizo de bar e “catering” durante a trevesía.

En todos os «saraos»

Non había “sarao mariñao” no que o «Garoa» non estivera presente: que si unha feira de mostras, que si a visita de autoridades, que si o intercambio de estudantes europeos, que si a voladura da estrutura dun hotel... O «Garoa» estaba en todo. Pasados media ducia de anos da súa chegada desde a costa vasca ao porto deportivo de Viveiro tivo a súa primeira crise, o seu propietario xubilábase e o iate poñíase á venta, seguíamos en anos de bonanza e non tardou en presentarse comprador local e o «Garoa» non deixou de navegar polas rías mariñás tres anos máis. Pero unha década despois de chegar a Viveiro, o iate entrou na segunda crise: o seu elevado custe de mantemento non permitía a rendibilidade da empresa nin sequera mantendo convenios con FEVE para que os usuarios do Transcantábrico tivesen incluídos nos seus pasaxes unha travesía pola ría de Viveiro a bordo do Garoa.

En 2010 o barco cambia o salitre de Viveiro polas doces augas do Miño para o que tivo que ser trasladado por estrada en dúas góndolas desde A Mariña a Portomarín.

Nos encoros de Belesar e Ribas de Sil

O «Garoa» non se daba adaptado ao encoro de Belesar e caeu nunha profunda depresión, tiña morriña da Mariña, por moitas carantoñas que lle fixeran non foi quen de levantar o ánimo e poñerse a traballar. Os cativos cantábanlle: “Había unha vez un barquiño pequechiño / (bis) / que non sabía, que non quería, que non podía navegar”.

Probaron cun cambio de aires, sacárono do Miño e levárono para o Sil -por estrada outra vez, claro-. Chegou ao encoro de Santo Estevo de Ribas de Sil pola cola á altura do complexo turístico de Augasmestas de Quiroga e con dous guindastres de gran tonelaxe puxérono a navegar novamente. Pero o cambio de augas non conseguiu acabar coa morriña da Mariña e hai pouco máis dun mes o «Garoa», xa sen esperanzas nin forzas, afundiuse no Sil á altura do embarcadoiro de Doade no mesmo sitio no que levaba anos parado agardando a que dunha vez por todas alguén lle fixese caso e o levara de novo -por estrada- a Viveiro e lle permitira navegar polas salgadas augas mariñás.