«Temos que saber canalizar o millón de visitantes que terán As Catedrais»

«En Ribadeo collemos moitos máis, pero o que buscamos é un turismo de calidade», sinala


ribadeo / la voz

Ribadeo é un dos concellos que en aparencia mellor rendabiliza a participación en Fitur, aproveitando para entablar contactos con turoperadores, axencias, presentar proxectos... O alcalde, Fernando Suárez, non o dubida: «É importante estar, porque todos competimos dándonos a coñecer no universo do turismo. Nós somos unha moi pequeniña parte, pero xa se nos coñece. Cada día máis, cando dis por aí, son de Ribadeo, pois xa non hai que explicar máis. Moita xente, cada vez máis, sabe poñer Ribadeo no mapa, para ben».

-Certamente, nos últimos anos Ribadeo, que xa tiña unha importante relevancia turística a nivel galego, experimentou unha gran proxección.

-Ribadeo mudou moito en dez anos, en infraestruturas turísticas, en servizos públicos, na iniciativa privada, froito dunha actuación transversal, que afectou e da que participaron todas as partes. Poño un exemplo, cando en fun alcalde por primeira vez, hai dez anos, había unha persoa en Ribadeo atendendo a oficina de turismo, e estaba contratada a tempo parcial. Agora, na temporada alta chega a haber sete persoas, e non dan feito para atender ás ringleiras de visitantes que se forman, ás chamadas continuadas, ás mensaxes que chegan por correo electrónico... Con todo, temos que seguir mellorando, que seguir traballando para que Ribadeo non acabe colapsado.

-É que pareceu unha tormenta perfecta; a apertura da autovía e a explosión de As Catedrais como icono turístico.

-Si, axudou todo. E tamén que Ribadeo non se desfixo urbanisticamente e soubo medrar con sentidiño, porque o patrimonio natural está case intacto, porque descubrimos ou medio inventamos un imán brutal que é As Catedrais, que creou a natureza e que nós soubemos empaquetar e vender moi ben.

-As cifras, de impresionantes, poden chegar a parecer irreais: unha praia que recibe máis de medio millón de visitantes ao ano e para a que se fan proxeccións de que en poucos anos chegará ao millón de visitantes.

-E en pouco tempo. Hai proxeccións que falan de que podería ser xa no 2021, no Ano Xacobeo. Iso require facer cousas que xa temos en marcha, como a regulación do espazo. Non entro no debate de quen as ten que facer, na colaboración obrigada entre as administracións, pero nós, polo que respecta ao noso traballo, aí estamos, coa exposición pública do plan de ordenación de As Catedrais, para facer un lugar agradable e canalizar todo o fluxo de centos de miles de persoas que acoden ao longo do ano. Neso estamos, como estamos na mellora do casco vello, que creo que é un exemplo como está quedando e que sorprende sen dúbida aos nosos visitantes, e traballando nas posibilidades que nos ofrece un plan urbano moderno como o que temos aprobado.

-Faga logo de futurólogo e nun exorcizo de clarividencia profetice como vai ser Ribadeo dentro de outros dez anos.

-Está na man de todos como pode ser. Se vai medrando con sentidiño, ordenadamente, pois pode ser un referente turístico internacional, moito máis do que é. Pero se non se fai ben pódese chegar a colapsar e ser un máis dos concellos masificados. A nós interésanos seguir traendo xente a Ribadeo, pero buscamos un turismo de calidade. En Ribadeo collemos moitos máis, pero se é un turismo de calidade, mellor.

«Cada día máis, cando dis por aí, son de Ribadeo... pois xa non hai que explicar máis»

«Cando eu empecei había unha persoa na oficina de turismo; agora hai sete e non chegan»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

«Temos que saber canalizar o millón de visitantes que terán As Catedrais»